No CPI vaise acometer unha rehabilitación enerxética nos edificios dc comedor, infantil e primaria // No último renovaranse as ventás por carpintaría de aluminio e vidro dobre // A Xunta vai investir máis de 800.000 euros TEXTO Claudina Estévez

Mellora integral do Antonio Orza Couto para finais de ano

Obras
Claudina Estévez
Román Rodríguez toma a palabra na visita ao colexio Antonio Orza Couto, en Boqueixón, e ao seu lado o alcalde, Manuel Fernández. Foto: X.G.

O CPI Antonio Orza Couto, ubicado no municipio de Boqueixón, vai ser obxecto dunha total renovación grazas a un investimento da Xunta de Galicia de case 829.000 euros. Así o anunciaba este luns o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a dito centro educativo, onde deu conta dos pormenores da actuación que se acaba de licitar.

Nesta visita tamén estiveron presentes o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o deputado autonómico Ovidio Rodeiro Tato; integrantes do goberno municipal e directiva do CPI Antonio Orza Couto. Segundo explicou o conselleiro, unha vez completados os trámites administrativos, a previsión é que os traballos, que terán unha duración de cinco meses, comecen cara finais de ano.

O conselleiro avanzou que a intervención vai ter dúas partes diferenciadas que abranguerán os edificios de Educación Infantil, de Educación Primaria e do comedor. Por unha banda, vaise acometer unha rehabilitación enerxética que incluirá o illamento térmico da fachada mediante sistema SATE nos tres edificios, a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética e a colocación de novos falsos teitos.

Ademais, no caso concreto do edificio de primaria renovaranse as ventás por carpintería de aluminio e vidro dobre no comedor e nalgunhas zonas comúns; instalarase unha cuberta de panel sándwich con illamento de 300mm; substituiranse as baixantes e canlóns, e aplicarase illamento do baixo cuberta con lá de roca. A intervención enerxética completarase con outras actuacións de menor entidade como a mellora da sinalización ou a actuación na pérgola, entre outros.

Todas estas medidas combinadas, sinalou o conselleiro, “van supoñer un aforro enerxético anual no edificio de primaria de preto do 50% en canto a consumo de enerxía e tamén en emisións de CO2, mentres que no edificio de Infantil estes aforros van andar entorno ao 34% aproximadamente”.

Isto, segundo explicou o titular de Educación, vai aliñado co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia que ten como obxectivo principal impulsar novos espazos escolares “máis innovadores, sostibles e confortables, acordes cos novos retos de futuro da educación”, indicou Román Rodríguez.

Dende o Concello de Boqueixón lembran que esta non é a única actuación de mellora que se acomete neste centro escolar nos últimos anos. Así, no verán de 2019 a Xunta investiu 48.000 euros no cambio da cuberta do CPI Antonio Orza. Unhas obras que consistiron na retirada da antiga cuberta de placas de fibrocemento con amianto e na colocación dunha nova cubrición a base de panel “sándwich” de aceiro con illamento intermedio. Asemade tamén se colocara outra capa de illamento sobre o forxado da baixo cuberta e substituíronse canais e baixadas de PVC por outras de aceiro galvanizado.

Por outra banda, no ano 2016 o goberno galego investira outros 60.000 euros na substitución das fiestras de varias aulas de infantil, dos canalóns da cuberta e das baixantes de auga para evitar humidades e filtracións.