Instaláronse cubrecontedores de madeira tratada nos espazos máis céntricos e de maior valor patrimonial // Colocáronse tamén sinais informativos nos principais puntos de interese // A fin é embelecer e potenciar o turismo TEXTO Claudina Estévez

Moraña vístese de gala para ser máis actrativa aos visitantes

Turismo
Claudina Estévez
Pola esquerda, María José García, José Cela e Luis López revisando as actuacións este mércores en Moraña. Foto: Xunta de Galicia

O concello de Moraña pode presumir dunha visible mellora nos seus espazos máis céntricos e turísticos. E é que o municipio viu impulsada a imaxe dos seus recunchos máis destacados e de maior valor patrimonial coa instalación de cubrecontedores de madeira tratada que foron cofinanciados pola Axencia Turismo de Galicia con achegas de preto de 65.000 euros nas duas últimas convocatorias. Así, o Concello aportou o 35 % do montante total, mentres que o Goberno galego se fixo cargo do 65 % restante en cada unha das dúas fases.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Moraña, José Cela, supervisaron este mércores a actuación de embelecemento, que supuxo un investimento global de 100.000 euros e ao abeiro do cal tamén se instalaron 34 sinais informativos en espazos de interese como carballeiras, igrexas, capelas ou enclaves naturais.

“Moraña ten numerosos espazos de gran valor nos eidos relixioso, arquitectónico, cultural, patrimonial, natural e turístico e facíase preciso reforzar a súa riqueza e mellorar a visualización por parte de veciños e visitantes, para o cal o Concello optou por unha gran solución técnica ao recurrir a infraestruturas de madeira que encaixan perfectamente con cada contorna”, explicou o representante autonómico, que engadiu que a iniciativa “contou cunha importante achega da Xunta tanto polo plantexamento do proxecto, que responde á perfección á liña de mellora turística que pretendemos implantar en toda Galicia, como polo noso compromiso coas necesidades, os investimentos e o progreso de Moraña”.

No marco desta dobre actuación, o Concello de Moraña recibiu 34.000 euros na convocatoria do ano 2019, que incluíu ademais de once cubrecontedores a colocación de 34 sinais informativos, e outros 30.000 euros na orde de axudas máis recente, coa que se instalaron oito illas de madeira para ocultar outros tantos puntos de depósito de residuos.

Deste xeito, mellorouse a imaxe de espazos emblemáticos ou de gran valor turístico tanto no casco urbano como nas zonas rurais e, entre os mesmos, figuran as carballeiras de Santa Lucía e Santa Xusta, a Casa da Cultura, a escola infantil autonómica, as capelas de Santa Margarida ou dos Milagres de Amil e igrexas como Lamas, Cosoirado, Rebón ou Gargantáns, entre outros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou para agradecer o importante “esforzo económico municipal” e puxo en valor que “as liñas de colaboración entre a Xunta e o Concello de Moraña permitirán ir dando cobertura e poñendo solución ás problemáticas do municipio e da veciñanza”. Grazas a esta actuación, recalcou Luis López, cando a xente de fóra visite o municipio poderá ver que o entorno está perfectamente adaptado. Algo que favorecerá ao municipio a nivel turístico.

Con esta segunda fase queda rematada a actuación de embelecemento e posta en valor da vila, que hai que lembrar, arrancaba en maio de 2019. Ano no que tamén se programaban roteiros polo municipio para facer máis atractiva Moraña aos visitantes e as súas xentes.