Muros acomete a primeira fase das obras de mellora do saneamento de Abelleira

Son financiadas pola Deputación // González supervisou tamén a actuación no campo de fútbol Eleuterio Balayo
Obras
Marta Torres
González, 3º esqu., e Monteagudo, 5ª, supervisaron os traballos de renovación do campo de fútbol Eleuterio Balayo. Foto: D.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este mércores, acompañado da alcaldesa do Concello de Muros, Inés Monteagudo, as obras que se están a executar no municipio con cargo ao Plan Único.

Así, González Formoso e Monteagudo supervisaron os traballos de renovación do campo de fútbol Eleuterio Balayo, cos que se ampliará o terreo de xogo e se renovará o seu céspede, mellorando de forma substancial unha infraestrutura moi empregada pola veciñanza. O proxecto está valorado en 235.000 euros, dos que o ente provincial achega un total de 170.806.

Formoso sinalou que a Deputación “está detrás da inmensa maioría dos investimentos dos municipios na provincia, polo que queremos comprobar que o que se fai merece a pena”, neste caso nun terreo empregado ao longo do ano por “arredor de 300 rapaces e rapazas”.

Segundo indicou a rexedora de Muros, as tarefas en execución “van ser satisfatorias e van dar resposta a unha obra moi demandada”. Inés Monteagudo incidiu en que o campo ten “un uso moi intensivo” e que eran moi necesarias as obras para garantir a seguridade dos usuarios.

O presidente provincial e a munícipe tamén se achegaron na xornada do mércores ata a parroquia de Abelleira, onde se está executando a primeira fase das obras de mellora da rede de saneamento do lugar. O proxecto está valorado en 236.361 euros con cargo ao Plan Único.

No encontro, González subliñou o importante investimento que a Deputación leva feito nos últimos seis anos para mellorar as infraestruturas locais e impulsar o emprego en Muros. O ente provincial dedicou nese periodo de tempo 8,1 millóns de euros á localidade, dos que 4,2 millóns se enmarcan no Plan Único, que permitiu a execución de 30 obras.

Durante a visita, o presidente tamén fixo entrega dunha furgoneta ao Club de Remo Muros. Unha aportación que forma parte da liña de subvencións que a Deputación dedica a clubs de remo e piragüismo para financiar a adquisición de vehículos e á que destinou neste 2022 unha achega de 200.000 euros.

Pola súa banda, a rexedora aproveitou o encontro para transmitirlle a González algunhas demandas en “temas como o parque infantil e os lavadoiros do Challón”. Así mesmo, agradeceu “esta última modificación que se fixo nas bases do plan de obras que van a facilitar que os Concellos poidan destinar parte deste segundo plan complementario a gastos xerais”.