Música por un tubo: local de ensaio e reserva de grupos para os amesáns

Comisións e asociacións poden solicitarlle ao Concello a actuación de conxuntos profesionais, corais e agrupacións // Hai quendas ata o 10 de marzo e 30 de xuño
Música
M.M.
Un dos grupos cuxa actuación pódese pedir, A Requinta da Maía, ca iniciativa da Concellería de Cultura amesá. Foto: CDA

Os responsables e valedores das festas populares de Ames xa teñen aberto o prazo para solicitarlle ao Concello a presenza dos grupos musicais locais, segundo explican dende a Concellería de Cultura, con Natividade González á fronte. Ademais, existe un local de ensaio que recentemente foi mellorado, e que poden empregar os conxuntos deste municipio maián.

Así, xa se poden tramitar as actuacións das diversas agrupacións de música e baile tradicional, corais e grupos profesionais. A efectos de coordinación na tramitación desas concesións, establécense dous prazos de envío de solicitudes: para as festas que se celebren ata o mes de agosto, a data límite será o 10 de marzo, mentres que para os festexos que teñan lugar entre setembro e decembro, poderase mandar a petición de actuación ata o 30 de xuño.

Trátase dun trámite que deberá realizarse acudindo aos rexistros municipais do Milladoiro ou de Bertamiráns, e con esta liña de colaboración, o departamento de Cultura busca cooperar na celebración das festas e na súa organización, facilitando a labor do tecido asociativo e das comisións de festas, que deben ser quenes se encarguen de xestionar a petición.

Os interesados en realizar a solicitude deben dirixirse ao rexistro da casa do concello ou ben ás oficinas municipais do Milladoiro. Non se garante a tramitación nin a concesión das actuacións máis alá da data sinalada, e recoméndase que se remitan ditas solicitudes o antes posible, tendo en conta os prazos anteriormente indicados.

Así mesmo, recórdase que no caso de solicitar a presenza de grupos profesionais, as asociacións ou comisións de festas deberán aportar parte da produción (como o escenario, xerador, cátering ou camerinos, entre outros).