Nenos outenses alzan a voz a prol dos coidados

Lanzan dende o CEIP de Outes unha campaña para inculcar bos hábitos // A iniciativa xorde a raíz da situación pandémica
Educación
Marta Torres
Os nenos e nenas outenses no acto de presentación da campaña. Foto: CEIP Plurilingüe de Outes

O CEIP Plurilingüe de Outes vén de lanzar a súa campaña Cóidate, cóidanos, A saúde unha gran responsabilidade co obxectivo de compartir coa comunidade as súas aprendizaxes e, ao mesmo tempo, de concienciar sobre a importancia de manter hábitos saudables.

A iniciativa xorde a raíz dun proxecto de investigación titulado Mens sana in corpore sano, que puxeron en marcha ao inicio deste curso escolar co obxectivo de contribuír ao entendemento dos nenos e nenas da situación pandémica, a cal ía condicionar a vida no centro outense.

Comezaron mergullándose no traballo de investigación que “organizouse en torno a 6 eixos temáticos, todos relacionados coa saúde, que se repartiron nos distintos niveis educativos, e que foron: saúde física, saúde mental e adición ás pantallas, hábitos saudables, alimentación, situación derivada da COVID e o enfoque histórico coa pandemia da gripe española de 1918”, explica a directora do colexio, Maiuca Cortón.

Rematada a primeira fase, deseñaron a citada campaña, que presentaron de maneira oficial este luns na casa da cultura da localidade. “Os nenos e nenas representantes do Consello da Infancia foron os encargados de conducir o acto no que se fixo unha pequena descrición de todo o proceso levado a cabo e se proxectaron os spots da campaña”, sinala a profesora.

Entre os produtos elaborados para a difusión de Cóidate, cóidanos destacan os vídeos expositivos que recollen a información de cada liña de traballo, os cales poden visionarse no blog da biblioteca do centro, así como carteis e spots de concienciación sobre os distintos campos nos que profundizaron e que forman parte dunha exposición benéfica, que conta “cun punto solidario no que se recollerán fondos para a ONG Médicos do Mundo que se dedicarán á compra de medicamentos para persoas en risco de exclusión”. Atópase na casa da cultura e está aberta ao público de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Á presentación acudiron a Xefa Territorial de Sanidade da Coruña, representantes do Concello de Outes, Médicos do Mundo, Anpa Río Tines, Asociación Terras de Outes, IES Poeta Añón e de Cruz Vermella de Noia.

Asemade, fíxose un reparto de carteis en máis de 100 establecementos comerciais de Outes que levan asociados un código QR que permitirá visionar toda a información ás persoas que así o desexen. Tamén se pode acceder ao material a través da páxina web da iniciativa coidatecoidanosoutes.blogspot.com.