No campo da feira de Paiosaco celébrase o 8 a Feira de Horticultura

O obxectivo é pór en valor os produtos laracheses e aos profesionais do sector
Feiras
Claudina Estévez
O alcalde da Laracha, segundo pola dereita, durante a presentación. Foto: C.A.L.

A Laracha. O próximo domingo 7 de agosto Paiosaco acollerá a quinta edición da Feira de Horticultura, organizada polo Concello da Laracha coa colaboración das asociacións A Terriña e Horta do Noroeste. O propósito esencial desta iniciativa é pór en valor tanto os produtos de horta da zona como o labor dos profesionais do sector.

O evento foi presentado no Concello polo alcalde, José Manuel López Varela, xunto á concelleira de Promoción Económica, Rocío López, e representantes das diversas entidades colaboradoras.

O rexedor mostrouse satisfeito por poder organizar unha nova edición tras dous anos de parón por causa da pandemia. Tamén lembrou que o lugar escollido é Paiosaco para aproveitar “o movemento de xente relacionada cos produtos do campo e a horta que xa existe na feira”.

López Varela apuntou, ademais, que haberá unha oficina móbil da Consellería do Medio Rural para informar das distintas liñas de subvencións públicas ás que poden acollerse os produtores. Rocío López detallou os contidos da xornada. Haberá dezaseis postos individuais de exposición e venda que o Concello porá a disposición dos produtores adheridos á iniciativa.

Desde as 11.30 e ata as 13.30 horas haberá un showcooking con degustación para os asistentes no que a chef Beatriz Sotelo realizará as súas elaboracións precisamente con produtos de horta doados polos propios profesionais asistentes. Ademais, faranse sorteos de agasallos entre todas as persoas que se acheguen durante a mañá.

Pola súa parte, Lorena Palleiro, en representación da Asociación de Horticultores Profesionais Horta do Noroeste, mostrou o seu agradecemento ao Concello por seguir apostando pola celebración do evento, “xa que queremos que o consumidor aposte polo produto local e galego, porque non hai nada mellor que confiar na xente que está ó teu carón”. Ademais, dixo que a Feira de Horticultura “é unha cita obrigada para nós” para pór en valor “produtos de calidade e de aquí, de quilómetro cero”. Nese sentido, animou ós consumidores a “ler as etiquetas” cando vaian facer a compra para comprobar a orixe e trazabilidade dos produtos. Concluíu facendo seu un dos lemas da asociación: “coidamos de ti e do entorno”. C. E.