Freire e Comesaña asinaron este luns o convenio que permitirá a súa construción // O inmoble dobrará a superficie do actual // Incorporará tres novas salas de técnicas e unha consulta de hixienista dental, así como a base do 061 TEXTO María Cano

Noia contará cun centro de saúde máis amplo e equipado

Sanidade
María Cano
Santiago Freire, 3º esquerda, e o conselleiro de Sanidade, 4º, durante a sinatura do convenio este luns na casa consistorial de Noia. Foto: Xunta

Noia deu este luns un gran paso adiante para que o novo centro de saúde da vila sexa pronto unha realidade. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde, Santiago Freire, asinaron un convenio que permitirá a construción dun novo ambulatorio no municipio que terá unha superficie de máis do dobre do actual, pois acadará case os 4.200 metros cadrados, fronte aos 1.780 do actual inmoble.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu e salientou a axilidade e rapidez por parte do Concello de Noia na posta a disposición da Xunta dos terreos onde se construirá a infraestrutura sanitaria, unha previsión que permitirá que o de Noia sexa o primeiro centro de saúde da provincia da Coruña da Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria.

García Comesaña destacou que será un edificio de uso exclusivo sanitario, co que iso significa para a ordenación da asistencia. Un inmoble moderno, fronte ás actuais instalacións de máis de 25 anos, que permitirá mellorar a organización asistencial, pois contará con catro salas de técnicas –tres máis que as actuais– onde se poderán facer ecografías, espirometrías, retinografías, electrocardiogramas ou cirurxía menor.

No novo centro de saúde tamén haberá espazo para unha consulta de hixienista dental xunto á de odontoloxía, ou para incorporar vestiarios para os pacientes na área de fisioterapia. As melloras tamén afectan á área pediátrica, que ampliará os seus espazos e contará cunha sala de observación con capacidade para dous postos, e á zona do PAC, que ampliará a área de consultas e a sala de observación, e integrarase dentro deste moderno edificio a base da ambulancia do 061.

A Xunta segue traballando na renovación integral da atención primaria en Galicia. Neste sentido, García Comesaña lembrou que traballan nun novo modelo de organización da atención primaria “que deixe de estar centrado en exclusiva no médico e potencie o papel das outras categorías dos centros de saúde”. O dispensario de Noia será un exemplo deste novo modelo “xa que o ano pasado incorporou e cubriu unha nova praza de enfermería especialista en familiar e comunitaria, e conta tamén con persoal farmacéutico, ao que estamos a ampliar tamén as súas funcións”, dixo.