O Goberno galego ten previstas seis para A Coruña e outras tantas en Pontevedra // Gonzalo Trenor reuniuse co alcalde de Tordoia, onde se actuará en Castenda // Afectará a máis de 3.500 parcelas e a 510 propietarios desta vila TEXTO C.Estévez

Novas parcelarias na comarca para paliar o minifundismo

Concentración Parcelaria
Claudina Estévez
Pola esquerda, Antonio Pereiro, Gonzalo Trenor e Manuel Santos durante a reunión con motivo da parcelaria de Castenda. Foto: Xunta

A Xunta de Galicia ten previstas na provincia da Coruña seis novas parcelarias. En concreto, e en función dos resultados dos estudos previos, decretaríanse nos concellos de Boqueixón (zona de Lamas, Loureda, Sergude, Vigo), Melide (zona de Baltar, Golán, Grobas), Padrón-Pontecesures (zona de Herbón), Santa Comba (zona de Freixeiro), Tordoia (zona de Castenda), Touro (zona de Fao-Novefontes).

No tocante á provincia pontevedresa decretaranse tamén seis novas parcelarias nos municipios de Caldas de Reis (zona de Bemil), Dozón (zona de San Salvador de Castro), Lalín (zonas de Cristimil, Galegos, e Goiás-Xaxán-A Veiga) e Valga (zona de San Miguel de Valga).

Formarán parte das 23 novas zonas que se decretarán ao longo deste ano en toda Galicia e que suporán a reorganización de 19.394 hectáreas de superficie, distribuídas en 99.340 parcelas propiedade de case 14.000 veciños.

Con motivo destas novas parcelarias, este mércores o delegado territorial da Coruña, Gonzalo Trenor, reuníase co alcade de Tordoia, Antonio Pereiro, para analizar a proposta de reestruturación parcelaria que se levará o próximo 27 de xullo ao Comité Técnico Asesor, que preside o propio delegado, no que ademais participan todos os órganos que puideran ter algunha alegación á realización da reestruturación agraria que se propón para este concello. Nestes momentos está próximo ao seu remate o Estudo Previo de Iniciación para levalo á reunión, que terá lugar a vindeira semana para a súa aprobación.

Trenor destacou que esta nova zona de concentración parcelaria que que se propón para Tordoia levarase a cabo en Castenda, sobre unha superficie de 1.209 hectáreas, e afectará a 3.570 parcelas e a un total de 510 propietarios.

Pola súa parte, o alcalde, Antonio Pereiro, indicou a este xornal que “é unha concentración moi desexada por todos ao ser unha das parroquias máis agrícolas que temos. Isto suporá un cambio para todos os veciños e veciñas, para a actividade agrícola e forestal, e en facilidades e aforro de custos”, sinala. “Cremos que tamén resultará máis doado para quen queira emprender novas actividades e incorporarse ao sector primario”, apunta. Cómpre matizar que a Consellería do Medio Rural está estudando outro cento de solicitudes para novas parcelarias, tendo en conta o peso do sector agropecuario da zona, se as explotacións mostran interese nesa reestruturación do territorio e a viabilidade do propio proceso en termos medioambientais, entre outras moitas cuestións a ter en conta.

Doutra banda, a Xunta está traballando para finalizar os 91 procesos de concentración parcelaria que están abertos a día de hoxe na comunidade. Neste senso, cómpre destacar que en 55 deles, é dicir no 60 %, os veciños xa están usando as novas parcelas resultantes. Para iso, o Goberno galego destina un orzamento de 12 millóns en 2022, cifra que alcanza os 118 desde o ano 2009.

Entre o 2020 e o que vai de 2022, a Xunta rematou un total de 22 concentracións que abarcaron unha superficie total de case 16.000 hectáreas, beneficiando a máis de 10.100 propietarios que recibiron arredor de 23.300 títulos de propiedade.