Súmanse á iniciativa o colexio Alexandre Rodríguez Cadarso de Noia, o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas de Vila de Cruces e o IES Terra de Soneira de Vimianzo // Prestan apoio educativo e familiar ao alumnado máis vulnerable TEXTO María Cano

Nove centros de Área na rede de orientación persoal da Xunta

Educación
María Cano
Entre os corenta e dous centros educativos que forman parte da Rede de Orientación Persoal e Familiar de Galicia está o CPI de Vedra. Foto: Concello

A Xunta de Galicia vén de ampliar a Rede de Orientación Persoal e Familiar de Galicia a un total de 42 centros públicos de Infantil, Primaria e Secundaria, dez máis que o pasado curso, que este ano exercerán como coordinadores do resto dos colexios e institutos da súa área de influencia para o apoio ao alumnado con maiores dificultades desde o punto de vista educativo e familiar.

Esta acción, que a Consellería de Educación puxo en marcha de xeito pioneiro o curso pasado, supuxo a creación dunha rede de trinta e dous centros educativos que exercían de dinamizadores das súas respectivas áreas a través doutras tantas unidades de acompañamento e orientación, dotadas con profesorado específico. Agora, co obxectivo de continuar o programa, a rede amplíase en dez centros máis.

Polo que respecta aos concellos de Área de Compostela, xa estaban en dita rede o instituto Plurilingüe de Ames, o IES Fernando Blanco de Cee, o IES Leliadoura de Ribeira, o CPI Plurilingüe Dos Dices de Rois, o CPI Plurilingüe de Vedra e o CEIP Xaquín Loriga de Lalín. Súmanse á lista o CEIP Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso de Noia, o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas de Vila de Cruces e o instituto Terra de Soneira, do concello de Vimianzo.

En canto aos centros educativoas de novo ingreso, pola provincia da Coruña, tamén se contempla na lista o CEIP Plurilingüe Víctor López Seoane de A Coruña, o instituto Punta Candieira de Cedeira, o CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda, o CEIP das Fontiñas de Santiago de Compostela e o colexio Pío XII, tamén da capital galega; pola provincia de Pontevedra acceden o CEIP de Portonovo en Sanxenxo e CEIP Plurilingüe O Sello de Vigo.

Dende a Consellería de Educación indicaron que “a tarefa desta Rede de Orientación Persoal e Familia de Galicia céntrase en desenvolver actuacións específicas de apoio e seguimento ao alumnado máis vulnerable desde o punto de vista educativo, ao tempo que colabora coas familias e a contorna”.

Ademais, co fin de atender á área xeográfica que lle corresponda e favorecer a mobilidade e o desprazamento dos profesionais, “cada un destes centros constitúe unha unidade de Acompañamento e Orientación persoal atendida por unha persoa coordinadora do grupo dos corenta e dous docentes incorporados para esta función”, din ao respecçto.

Estes docentes –a razón dun por centro da rede– son os encargados do desenvolvemento de actuacións de apoio e seguimento ao alumnado que o precise. A súa función, segundo sinalaron dende o Goberno autonómico, é a de complementar a actuación ordinaria dos centros educativos da súa área, sobre todo atendendo ás situacións máis delicadas, e sempre en coordinación cos departamentos de orientanción dos centros. Tamén se realizan labores de acompañamento ás familias, ofrecéndolles recursos para unha maior implicación nos procesos educativos dos seus fillos.

Esta Rede de Orientación Persoal e Familiar de Galicia sirve tamén de apoio e reforzo ao labor dos máis de 4.000 profesionais dedicados á orientación e o reforzo educativo que diariamente están traballando de xeito ordinario nos centros educativos galegos.