San Fins do Castro reviviu a concordia ancestral bergantiñá recuperando o costume de unir as voces dos veciños e visitantes // O Concello xalleiro incluíu un concerto de Mercedes Peón, obradoiros, sorteos e demostracións de vellos oficios TEXTO O.D. Vilar

O Berro Seco fixo tremer Cabana
e Mazaricos envorcouse co folclore

Festas
O.D. Vilar
Mercedes Peón levou á Picota o seu mellor folk. Foto: CDM

Costa da Morte e as súas bisbarras encaran un verán trepidante de verbenas e festas tradicionais que trouxo dúas citas xa consolidadas: a do Berro Seco de San Fins de Castro (Cabana de Bergantiños), onde o sentimento de unidade adquire sonoridade, e o festival mazaricán MZFolk, que incluíu unha gala de Mercedes Peón.

Comezando por Cabana, levouse a bo porto este luns a popular romaría de San Fins do Castro nunha edición que supuxo a volta á normalidade desta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, logo da pandemia. A xornada deu comezo coa celebración de diversas homilías, dianas e alboradas para, a continuación, oficiar unha misa solemne cantada pola coral de Cesullas nunha mañá animada coa música de O Son do Castro.

Logo chegaba o tradicional Berro Seco, que enmudeceu durante uns intres a celebración antes de que a troula continuase co Santo da Pólvora. A sesión vermú a cargo da orquestra Magos e a interpretación do himno a San Fins ofrecida pola Banda de Música Eduardo Pondal puxéronlle a nota musical ao mediodía.

Xa pola tarde, as populares merendas ateigaron de mesas o lugar e a música de Os Farrapos serviu para amenizar o serán, mentres que pola noite as orquestras Magos e Bomba protagonizaron a verbena.

Pero non se acabaron aí os festexos neste municipio, xa que este martes conmemorábase a Nosa Señora dos Remedios, con misas dende as 09.00 horas, ademais de dianas e alborada e a animación musical a cargo de O Son do Castro. Antes de comer chegaban a misa solemne cantada pola coral de Cesullas e, a continuación, a sesión vermú coa orquestra Puzzle, que repetía actuación xa pola noite.

E dentro da comarca xalleira, o feiral da Picota (Mazaricos) e o seu entorno revivían tempos pasados cunha completa xornada folclórica e etnográfica chea de música e actividades para todos. Así, na tarde do pasado venres, a Asociación de Amas de Casa El Hórreo de Mazaricos levou a cabo o festival de fin de curso dos seus grupos de música e baile tradicional, con actuacións de As Patronas, Os Galanciños e Fouliada. Posteriormente, houbo unha merenda de balde e piñata para as e os pequenos da casa.

O sábado pola mañá, a Asociación Cultural Abubela levou a cabo unha mostra do labor tradicional de malla do trigo, cunha demostración dos apeiros e utensilios necesarios neste labor tradicional. A mediodía, o Asador Manduca ofreceu unha degustación de carne local pra deixar paso ás demostracións en vivo a cargo de Trenzarte, as palilleiras de Camariñas e Cestería Viqueira de Ordes, incluíndo obradoiros. E no que atinxe á música, non faltou en toda a fin de semana, xa que o sábado á noite Mercedes Peón namoraba ao público co seu espectáculo Déixaas. Xa o domingo, a Charanga Mekánika amenizou o mediodía co seu completo espectáculo no que o público se integra como un actor máis, diluíndo a liña entre concerto e festa. Durante toda a tarde, as nenas e nenos puideron gozar de inchables e de xogos tradicionais.

A última hora da tarde sorteáronse tres xamóns entre as persoas que depositaron a súa rifa do MZFolk na urna habilitada. As rifas repartíanse nos postos de comercio e artesanía e nas tendas de Mazaricos durante as semanas previas. O mandatario local, Juan Blanco, valorou moi positivamente un evento que “consolida a aposta de facer de Mazaricos un referente nos eventos de cultura tradicional durante o verán”.

O concelleiro de Promoción Económica, Jorge Sanmartín, avaliou positivamente a capacidade de “dinamizar a economía”.