O BNG esixe que os orzamentos estatais inclúan o proxecto que humanizará Milladoiro

Néstor Rego recibiu o apoio do grupo frentista amesán ao completo // Reclaman medio millón para que no 2022 poida haber avances
humanización
M. Manteiga
Natividade González, esquerda, con Néstor Rego, David Santomil e Escarlata Pampín no parlamento español. Foto: BNG

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, presentará unha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para 2022 na que solicita a inclusión dunha partida específica de medio millón de euros para a redacción do proxecto completo de humanización da avenida Rosalía de Castro en Milladoiro. Así o confirmou acompañado do grupo municipal do BNG de Ames, e procurará solucionar tamén o acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro “nun Concello esquecido polo Goberno do Estado nestes OXE”, apuntaban fontes da formación nacionalista.

Durante a visita do grupo municipal do BNG de Ames, encabezado polo seu voceiro e tenente de alcalde, David Santomil, e acompañado polas concelleiras Natividade González e Escarlata Pampín, sinalaron a necesidade de que o Goberno do Estado se implique e involucre con investimento real. Demanda do executivo estatal compromiso político que dea resposta a “unha reclamación histórica da veciñanza, do tecido asociativo e de todos os grupos políticos que compoñen a corporación municipal”.

“Un Concello como Ames, con máis de 32.000 habitantes non pode ficar no esquecemento nos novos orzamentos, máxime cando están redactados os anteproxectos de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro e da mellora do acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro” explica o voceiro municipal, lembrando o compromiso do Goberno central coa patronal do seu concello.