A artista Ana Rosa Lista vén de participar na Mostra Internacional de Renda de Bilros de Peniche // Representou a Ames cun stand no que mostrou unha escolma do seu traballo, xunto a outras artesás de ata doce países // Galicia foi a máis presente nesta exposición internacional TEXTO Claudina Estévez

O encaixe galego viaxa a Portugal

Arte
Claudina Estévez
Imaxe de grupo tomada durante a celebración da mostra, que regresou tras dous anos de parón. Foto: C.A.

A palilleira amesá Ana Rosa Lista e unha selección da súa obra viaxaron ata Portugal, á vila de Peniche, para formar parte dunha edición máis da Mostra Internacional de Renda de Bilros, que se celebrou de novo tras dous anos de parón por culpa da pandemia da covid. Peniche, que conta cunha gran tradición no encaixe ou da chamada renda de bilros, acolleu na súa exposición a artistas de 12 países e varias actividades, talleres, desfiles e actuacións.

Neste senso, Ana Rosa Lista foi unha das seleccionadas para mostrar os seus traballos, que beben de tradicións tan dispares como a galega, a holandesa, a rusa ou a italiana, e que combina con técnicas máis modernas e novidosas. Xunto a ela, o encaixe galego contou coa representación máis numerosa, con stands de artesás de Mos, Muxía e Ourense. A vila catalá de Arenys de Mar tamén contou con representación, ao igual que outros 11 países, como Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Inglaterra, Italia, Gales, Malta, Polonia e Portugal.

Ana Rosa Lista, formada na Escola Holandesa do Encaixe, ten realizado cursos con mestras tan destacadas como Mariña Regueiro e Lia Baumaister-Jonkers. Imparte aulas na Casa Escola Obradoiro Ana Rosa, situada nas Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño, así como no local social da Tarroeira, na mesma parroquia, e no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Ademais, tamén realiza obradoiros e charlas en diferentes puntos da xeografía galega, española e en países europeos.

Recentemente, no pasado mes de abril, a artista mostrou en Ames algúns dos seus últimos traballos, coa exposición Fiando recordos, un proxecto realizado ao longo de tres anos de traballo, que bebe da obra do deseñador, artista e xornalista galego Luis Seoane e que puido visitarse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, antes de que a mostra viaxara ao Museu d’Arenys de Mar, en Barcelona.

Na actualidade, a palilleira está envolta en novos proxectos e colaboracións, entre as que destaca un traballo inspirado na obra da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, que documentou para a Hispanic Society of America a vida en Galicia de comezos do século XX e pola que coñecemos a día de hoxe unha parte importante da nosa historia recente. Lista presentará este proxecto no mes de agosto en Pontevedra.

ENCAIXE no país veciño. Unha boa mostra da importancia que ten o encaixe no municipio de Peniche (onde se organiza a Mostra Internacional de Rendas de Bilros, un evento a nivel europeo que rende homenaxe a este labor) é que alí se atopa o Museo da Renda de Bilro.

Neste interesante museo, integrado na Rede de Museos Municipais, pódese coñecer máis sobre un dos labores máis relevantes de Peniche na antigüidade: o encaixe de bolillos, unha importante seña de identidade cultural da rexión. As súas salas permiten coñecer dende os seus comezos a historia desta arte con máis de 400 anos a través das verdadeiras obras de arte que se atopan expostas, como son as súas pezas téxtiles e xoias, moitas delas cedidas polos habitantes de Peniche.