A Xunta inviste case 250.000 euros na mellora enerxética da Casa do Concello // A sede vaise adaptar á rede de calor con biomasa existente na localidade // Prevese unha redución de 9,33 toneladas de dióxido de carbono anuais TEXTO Claudina Estévez

O novo consistorio de Silleda será eminentemente solar

Obras
Claudina Estévez
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Foto: Xunta

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, asinaron este martes o convenio para realizar as obras de mellora enerxética na nova Casa do Concello. Ao abeiro da iniciativa, a Xunta destinará 249.515 euros á instalación e adaptación do edificio consistorial á rede de calor con biomasa existente na localidade. Ao acto de sinatura asistiu tamén a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

Deste xeito, o Goberno galego financia máis do 80% do custo total do proxecto, superior aos 303.000 euros. A achega efectuarase en dúas anualidades, con 99.515 euros en 2022 e os 150.000 restantes en 2023. A actuación vai permitir a conexión da nova Casa do Concello á rede de calor District Heating executada en 2021 con fondos Feader. O obxectivo é garantir un alto rendemento enerxético nun edificio eminentemente solar e que apenas precisará enerxía para o seu funcionamento. Así, prevese “unha redución de 19,33 toneladas de dióxido de carbono anuais”, apuntou Diego Calvo.

O vicepresidente segundo explicou que a obra permitirá a instalación de maquinaria específica como intercambiadores de calor, bombas e unidades de renovación de aire, ademais de distintos sistemas como chan radiante, puntos de abastecemento de auga quente e climatización. Habilitaranse tamén lugares nos que albergar as instalacións e realizaranse obras de mellora do sistema de illamento térmico exterior.

O convenio de colaboración asinado este martes enmárcase no apoio da Xunta aos concellos en materia de desenvolvemento sostible. Segundo apuntou Diego Calvo, nesta mesma liña, invístense este ano 11,3 millóns de euros no Fondo de Compensación Ambiental para financiar os custos de funcionamento e equipamentos dos servizos municipais relacionados coa protección do medio. A maiores, as administracións locais benefícianse da Orde de infraestruturas de uso público dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes, que este ano suma 3,5 millóns de euros. No marco destas iniciativas a prol dos servizos e as infraestruturas municipais, o concello de Silleda recibiu nos últimos anos preto dun millón de euros. Trátase así de facilitar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego, de xeito que os municipios poidan prestar servizos de calidade á veciñanza con independencia do seu lugar de residencia, a prol da calidade ambiental e da prevención e mitigación de efectos adversos sobre o medio natural.

NOVA SEDE. As obras de reforma para a nova Casa do Concello de Silleda daban comezo o pasado mes. En concreto a nova sede estará na casa da cultura, que se vai remodelar para converterse no consistorio. O proxecto foi adxudicado á empresa UTE formada por Orega e Coviastec, que asumen a súa realización nun prazo de dez meses.

A inversión para esta primeira fase é dun total de 1.628.012 euros e os traballos céntranse en manter a fachada pero reformar o interior. Na segunda fase está prevista a construción dun novo edificio na parte traseira que contará cun aparcamento soterrado que terá acceso dende a rúa Morón.