O proxecto que o vai converter no espello do rural galego está agora en fase de redacción // A proposta gañadora entende a paisaxe como proxección da cultura sobre a natureza // A fin é respectar os valores históricos, arquitectónicos, botánicos, paisaxísticos e medioambientais existentes TEXTO Claudina Estévez

O Pazo de Quián vai ser realidade antes de finais de 2023

Pazo de Quián
Claudina Estévez
Maqueta na que se pode ver todo o espazo que ocupa o Pazo de Quián. Foto: C.M.

Converter o Pazo de Quián, en Sergude, no espello do rural galego. Ese é o obxectivo que albergan dende a Consellería do Medio Rural e polo cal están a redactar o proxecto para acto seguido dar comezo á primeira fase das obras. Uns primeiros traballos que consistirán na adecuación e reforma do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude e da residencia de estudantes. As actuacións, segundo explican dende a Consellería, están financiadas con fondos comunitarios REACT-EU, polo que o espazo debe estar rematado e en funcionamento antes de finais de 2023.

Tal e como sinala o conselleiro do Medio Rural, José González, sobre o proxecto, “asomar a vista ao complexo de Sergude significará poder gozar nun mesmo espazo de todo aquelo que define ao medio rural galego”. Explica que “nun mesmo espazo coincidirá a potencialidade do noso sector forestal, reproducida nun monte multifuncional, vivo, dinámico e sustentable, coa excepcionalidade do sector gandeiro, cunha gandaría en extensivo, así como cunha explotación convencional, de deseño exemplar, integrada por completo no medio natural e con razas autóctonas da nosa Comunidade. Todo complementado cunha área agrícola única, mostra de todos os produtos agroalimentarios acollidos a selos de calidade”.

‘BUXO’. A proposta gañadora, e conforme á cal se está a redactar o proxecto, foi a presentada polo grupo de arquitectos formado por Jorge Salgado, Celso López, Magdalena Arousa Portela e César Portela. Unha proposta presentada baixo o lema Buxo. Trátase dun traballo que entende a paisaxe como proxección da cultura sobre a natureza, que se manifesta na materialización espacial e na reflexión sobre o vínculo entre lugares públicos e o espazo natural. Cultura diferente da que arestora configura o predio de Sergude. “Non se trata de que un lugar público incorpore a natureza, senón que se instale nela. A vontade de renovar as formas de relación coa mesma reforza a idea de construír os novos lugares públicos en directa vinculación con ela. As imaxes dos pazos, mosteiros e castros, iconas senlleiras da historia de Galicia, reclaman un novo protagonismo na configuración do predio de Sergude”, explican ó respecto os arquitectos.

Segundo sinalan os autores do deseño vencedor, a proposta plantexa realizar unha transformación programada no tempo que permita organizar o mundo da produción foretal, gando e pastos nun sistema silvopastoral integral. Ditas accións deben ser compatibles coa protección dos cursos da auga e o mantemento do hábitat para a vida silvestre e a fauna de Sergude. En resumo, segundo relatan os arquitectos, o proxecto ten como meta xerar un lugar para a promoción da cultura forestal, agropecuaria e gandeira dos distintos sectores e actores implicados da sociedade galega.

Este traballo, segundo explican os autores, hai que desenvolvelo en varias direccións. En primeiro lugar, convertendo o propio espazo nunha ferramenta que promova a educación medioambiental. E hai que facelo a través de sendeiros e outros elementos interpretativos e tirando das súas potencialidades. En segundo lugar, promovendo a capacitación dos axentes sociais e económicos vinculados ó rural, aproveitando as infraestruturas xestionadas pola Administración autonómica.

ARQUITECTURA. Ao respecto da arquitectura que propoñen facer en Sergude, describen no proxecto presentado que será orgánica. É dicir: a que relaciona terra (lugar de emprazamento) e obra. O proxecto plantexa a necesidade de “oír a voz do lugar”, caracterizado pola aldea de Quián, o bosque de ribeira que percorre as orillas do río Sarama, a fraga de Barronda, os pastos, a horta e o monte, concas e regatos que vertebran a parcela, os camiños e os seus cómaros, un outeiro... Ao lonxe, insisten, pode verse a silueta do Pico Sacro. “A arquitectura do noso proxecto nace da abstracción destas referencias culturais tradicionais”, apuntan os gañadores. É, segundo sinalan, unha arquitectura potente e adaptable a posibles novos usos e funcións, alonxada de modas, pensada para a permanencia, para un uso racional do espazo, para reflexar o paso do tempo e para conectar coa natureza que a rodea.

A granxa que integrará o pazo (vaquería, queixería, almacéns e talleres) estará composta por un patio de pedra, a modo de eira, e unha cuberta flotante que abraza o patio. Dita cuberta permite unha ventilación alta e cruzada para estos espazos, serve como cobillo para o gando e protexe a forraxe, a herba ensilada e a maquinaria agrícola.

No caso do castro (escaparate de actividades e produtos agropecuarios e forestais) informan os autores do proxecto de que o deseño se fixo non como un acto de sometemento, senón de diálogo poético co entorno, coa natureza, con Quián. A morfoloxía da gran parcela, tal e como indican, “é potente, é expresiva, é a que manda”. A forma será a dun castro, un círculo debuxado pola terra.

No tocante ao conxunto do pazo, a idea gañadora propón respectar os valores existentes históricos, arquitectónicos, botánicos, paisaxísticos e medioambientais. Cuestións, din, que caracterizaron ao espazo orixinal e que aínda se conservan. Tamén se trata de eliminar todos aqueles elementos construtivos ou vexetais que o danan, recuperar valores e introducir outros novos que complementen aos que xa existen.

PROPOSTAS. Entre as actuacións propostas está a de reconstruír o muro que delimita o conxunto do pazo coa fábrica de pedra, semellante á do tramo que se conserva. Tamén se pretenden destruír todos aqueles edificios que desvirtúan o entorno e só conservar o pazo e o hórreo. Propoñen asemade conservar o picadeiro, que podería desmontarse. Outra proposta é substituír o asfalto por pavimento de pedra; construír un pavillón no xardín con capacidade para catro habitacións, unha pequena biblioteca e sala de estar. Todo para que así se poidan aloxar invitados especiais.

Tamén buscan recuperar o labirinto entre o patio e o pavillón de invitados, e recuperar así o que houbo noutra época. Tamén se creará un gran paseo na zona máis alta do antigo xardín e outro elevado con vistas ao mesmo. Construirase un novo pombal e no extremo este do xardín, rodeando ao hórreo e ao citado pombal, prevese crear unha zona de frutais e outra de horto.

Finalmente, xerarase un circuíto de auga que proveña do río e que recorra varias pontes e estanques. Colocarase, así mesmo, unha mesa de pedra próxima ao porche-solaina do paseo para posibilitar reunións ou comidas ao aire libre. O resultado de todo isto é a creación dun novo xardín, no cal se pode observar unha estreita e respectuosa relación entre o vello e o novo, entre o artificio da arquitectura e da escultura, coa diversidade da natureza.

Finalmente, o centro de formación O Mosteiro é o espazo docente-residencial. Mantense nos edificios actuais, amoliñándose e renovándose para dar satisfacción ao programa requerido, que os agranda. Para iso vaise construír un novo edificio de uso docente, paralelo ao actual, e engádeselle unha planta máis a unha das alas residenciais.

A proposta opta por iluminar os edificios circundantes para alimentar o entorno, aumentar o arbolado e implantar un aparcamento e unha zona deportiva. Conséguese un potente volume que lembra aos mosteiros galegos que naceron como contedores de sabedoría e residencias monacais. O que se contempla no deseño vai albergar unha residencia de estudantes e aulas para ensinanza de temas agropecuarios, gandeiros, forestais e hortofrutícolas. É un exemplo de como as boas arquitecturas sempre se integran, independentemente do seu volume.