O programa Propulsa converterá a Ames no centro galego da danza

O Pazo da Peregrina transformarase este sábado nun escenario de baile// A súa finalidade é pór en valor a gran riqueza patrimonial e paisaxística coa que conta Galicia
Pedro breaAmes
Imaxe dun dos grupos do programa Propulsa actuando no Obradoiro, en Santiago de Compostela. Foto: Xunta

O programa da Xunta Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio fará que o Pazo da Peregrina de Bertamiráns se transforme, este sábado a partir das 19.30 horas, nun escenario que acollerá a representación de catro espectáculos. Así, levaranse a cabo E-migrantas, de Kirenia Danza, Miñaxoia, de Clara Ferrão, Nexos, de Cía Exire, e Canela, de Laboratorio Escénico. A iniciativa, posta en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento.

espectáculos E-migrantas, de Kirenia Danza, é unha representación sobre a última diáspora galega, na que Esther Latorre e David Loira bailan a experiencia emigrante da última xeración. Co convencemento de que a emigración atravesa tamén a nosa identidade actual, o espectáculo créase co obxectivo de coñecer o que sucede coa marcha masiva de galegos do século XXI e contar a última diáspora bailando.

Kirenia Martínez Acosta asume a dirección da peza, coa asistencia coreográfica e o texto de Branca Novoneyra. Pola súa banda, Babykatze e Bruno Baw son os autores da música. O vestiario corre a cargo de Jandro Villa, mentres que o deseño gráfico e de luces, de Niko Alvarellos e de Diego Vilar Ortigueira, respectivamente. Lía Pérez Domínguez é responsable das traducións. A produción é de Uxío Novoneyra.

Doutra banda, o espectáculo Miñaxoia, de Clara Ferrão, no que só está o corpo, o cansazo e o movemento inesgotable, está dirixido por Maximiliano Sanford e conta coa música de Jambinai e Roger Joula.

Nexos, de Cía Exire, é creado e interpretado por Alba Fernández e Estefanía Gómez, co asesoramento coreográfico de Chey Jurado. Desvélanos a complicidade que existe entre dúas persoas, as súas memorias compartidas e a busca incesante desa lembranza que as sostén.

Completa o programa Canela, de Laboratorio Escénico. Trátase dun espectáculo de danza urbana e experimental para rúa e espazos non convencionais, cun proceso de creación onde se poñen en valor as habilidades físicas, tratándose as propiedades da canela dende o corpo.

paisaxes Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio arrincou o pasado 2 de xullo en Ribadeo e rematará o 29 de agosto en Ponteareas, tras percorrer 27 espazos singulares de toda Galicia. Participan 30 formacións artísticas, das que 23 son galegas e sete proceden doutros puntos de España, de Francia e de Portugal.

O obxectivo é achegarlle ao público unha nova maneira de ver a danza, mediante a mestura desta arte escénica co patrimonio e a paisaxe de diferentes espazos singulares do territorio galego, como praias, cabos, fragas, fervenzas, miradoiros, catedrais, museos, hórreos ou castros. Deste xeito, Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio permite levar a danza a concellos onde esta disciplina artística non soe formar parte das súas programacións culturais, ao tempo que sirve de promoción turística de lugares singulares. Ademais, búscase fomentar a creación contemporánea de danza e atraer novos públicos, xunto coa creación de sinerxías coas administracións locais e os tecidos asociativos de cada zona.

Así e gracias a esta iniciativa, unha disciplina artística como o é a danza poderá contar con escenarios únicos, poñendo en valor ao mesmo tempo a disciplina máis espazos que fan de Galicia un lugar único e característico. Servindo deste xeito como un programa de promoción cultural e deportiva, xunto cunha actividade de mostra turística.

A iniciativa insírese na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia para o desenvolvemento de diferentes propostas culturais no marco do Xacobeo 21-22.