O PSdG achaca a ruptura de goberno a un problema de “ego” do alcalde de Teo

Denuncian os socialistas unha actitude electoralista e contraria ao interese xeral// O rexedor defende este cese por crise interna
Crisis de Gobierno
Susana Martínez
No centro están Uxía Lemus e Gonzalo Caballero xunto ao resto de ediles socialistas. Foto: Efe

O terremoto político de Teo aínda continúa sacudindo un municipio ao que colleu por sorpresa unha decisión aparentemente meditada por parte de Rafa Sisto, o responsable da alcaldía, pero que, á súa vez, desestruturou as estratexias de gobernanza das corporacións municipais.

Os principais damnificados foron os concelleiros do grupo socialista, destituídos do goberno de coalición que conformaban co partido local Son de Teo, este pasado luns.

Ante o acontecido, o Partido Socialista atribúe esto a unha “cuestión de ego” do alcalde de Teo, Rafael Sisto, e a unha “estratexia cortoplacista” de índole electoral a ruptura do goberno no municipio da comarca de Santiago, anunciado polo rexedor o pasado luns e que pon fin a dous anos de executivo de coalición entre Son de Teo e PSdeG-PSOE.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, arroupou este martes á portavoz do PSOE no municipio teense, Uxía Lemus, que acusou a Rafael Sisto de romper o goberno porque os seus socios estaban a “facerlle moita sombra”.

“Estabamos a facelo moi ben. Tiñamos moitas cousas para facer e el (Sisto) decidiu cortar de raíz baixo escusas baratas e débiles”, sinalou Lemus, unha das catro edís do Grupo Socialista ás que Sisto retirou as competencias por razóns de falta de confianza.

Lemus, que considera a decisión “un ataque á estabilidade” do Concello -Son de Teo queda agora á fronte do goberno en solitario con catro edís nunha Corporación de 17-, cargou contra o rexedor, ao que acusa de acabar cun “goberno de esquerda forte” para “sacar réditos” da xestión socialista do executivo local.

“Agora temos un goberno de catro (edís) nun concello tan grande e con tanto orzamento europeo, que conseguimos a parte socialista”, sinalou a edil, que cualificou de “espectáculo horroroso” a forma de proceder de Sisto durante a xornada na que se produciu esta ruptura do goberno.

Tanto Lemus como Caballero mostráronse confiandos en que o “bo traballo” levado a cabo polo grupo socialista teña os seus froitos nas eleccións municipais do ano 2023. Así o subliñou o secretario xeral do PSdeG, que augurou que “cando falen as urnas”, a “maioría” dos veciños de Teo “recoñecerán” o “gran traballo” dos socialistas nestes dous últimos anos no municipio da comarca santiaguesa. Así, o actual líder do PSdG defendeu a presenza no municipio dun “partido socialista forte” que conta con concelleiros e concelleiras que representan ou presente e ou futuro do concello de Teo.

FALTA DE COMPROMISO. Por outra banda, nunha entrevista realizada no programa Galicia por Diante da Radio Galega este martes, Rafa Sisto volveu abordar o conflito xerado arredor dunha decisión tomada hai case 48 horas e que continúa a levantar opinións en todo o panorama político municipal, pero tamén autonómico,

Foi aquí onde o alcalde esgrimiu o principal motivo desta actuación, explicando que “eu podo ser o alcalde dunha forza plural e diversa, con autonomía nas súas áreas, pero non podo ser o alcalde de todos os gobernos”. Ademais, ante unha colaboración cos socialistas de case sete anos, e sen previos conflitos a esta lexislatura, expresou que: “Non é un capricho que se dea así agora. Nos quedamos moi contentos ca experiencia da primeira lexislatura, e digamos que a incorporación de novas e novos concelleiros e concelleiras, foi un feito determinante nesta ruptura”.

Ademais, o alcade incidiu no seu intento de solventar, desde o inicio, os problemas entre formacións, ante o que non conseguiron correccións e procedeu a tomar a decisión.