Este investimento da Deputación da Coruña permitirá financiar máis de 200.000 horas de dito servizo e contratar a 44 profesionais // As axudas van destinadas a municipios con menos de 20.000 habitantes e permiten mellorar a atención ás persoas maiores e dependentes das vilas pequenas TEXTO Claudina Estévez

O SAF da comarca recibe 4,3 millóns

Axudas
Claudina Estévez
Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, durante un pleno. Foto: Deputación

A Deputación da Coruña publicou no BOP as bases reguladoras do Programa de Servizos Sociais Comunitarios para 2023, que reforza os recursos de protección social dos concellos coruñeses cunha achega de 8,3 millóns de euros, o que permitirá financiar 395.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e contratar a 181 profesionais do ámbito social nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia. No caso concreto das vilas coruñesas que compoñen a área compostelá, e nas que se centra esta información, o ente provincial investiu en total 4.382.417,92 millóns de euros para cubrir 200.757,21 horas de dito servizo e dar emprego a 44 persoas.

Dentro das comarcas do Barbanza as beneficiadas por esta axuda son Boiro, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Outes, A Pobra, Porto do Son e Rianxo. En total o ente provincial fai unha inversión de 923.679,24 euros para cubrir 44.873,27 horas e contratar a 19 profesionais.

Na Costa da Morte e Bergantiños os municipios que reciben dita subvención son Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas. O investimento é de 1.505.691,96 € para financiar un total de 70.802,33 horas e dar traballo a 33 persoas.

Na comarca de Ordes-Arzúa as vilas que obtiveron estas axudas da Deputación foron Arzúa, Frades, Melide, Ordes, Oroso, O Pino, Tordoia, Touro e Trazo. O total achegado a estos municipios é 762.972 euros, o que supón un total de 35.831 horas e 17 profesionais contratados.

No caso dos concellos da comarca santiaguesa contratáronse 29 persoas e financiáronse 49.250,61 horas cun orzamento de 966.074,72 €. Os concellos aos que se outorgaron ditas axudas son Mazaricos, Val do Dubra, A Baña, Boqueixón, Brión, Dodro, Negreira, Padrón, Rois, Teo, Santa Comba e Vedra.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a importancia deste programa, “que permite manter un Servizo de Axuda no Fogar esencial para atender a maiores e dependentes nos concellos pequenos e que ademais dá emprego a máis dun centenar de persoas na provincia”, dixo. “Seguimos a cumprir co noso compromiso de reforzar a protección social nos municipios da provincia”, afirmou o presidente, quen destacou que o programa permite tamén contratar a 181 profesionais especialistas no ámbito social para atender as necesidades das persoas máis vulnerables.

“O orzamento dedicado ao Programa de Servizos Sociais Comunitarios incrementouse durante o actual mandato de 4 a máis de 8,3 millóns”, lembrou a deputada de Benestar Social, Ana Lamas. “Este incremento de recursos fai posible mellorar a calidade de vida de miles de persoas e que toda a cidadanía teña acceso a servizos sociais profesionais, independentemente do lugar onde residan”, afirmou.

No tocante aos especialistas que se contratan, segundo indican dende a Deputación, son persoal que cada día atende a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables. O programa financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). Ditos profesionais poderán ser contratados tamén a media xornada.