O supervivinte ao incendio en Sigüeiro continúa grave

O mozo de 39 anos está hospitalizado no CHUAC despois de que ardese o piso que compartía coa súa nai, que faleceu
Incendio
Claudina Estévez
Imaxe na que se pode ver ao fondo o fume que saía do piso incendiado. Foto: C.G.

Sigüeiro amencía onte aínda conmocionado polo tráxico suceso que se vivía o pasado venres, día 4, no piso ubicado no número 3 da rúa Rosalía de Castro, na travesía da N-550. Un incendio que se saldaba coa morte dunha muller de 60 anos e co fillo desta hospitalizado grave. Entre os veciños do propio edificio e dos próximos non se falaba doutra cousa. A maioría considera que o incendio foi provocado polo fillo da vítima, Javier, de 39 anos, empregando para facelo gasolina, que introduciría por diferentes puntos da vivenda. Unha hipótese que ven como a verdadeira, pero que á vez non deixa de sorprendelos posto que segundo din, “era un mozo moi educado”.

Amósanse sorprendidos tamén de que o día do accidente nai e fillo fosen desahuciados, xa que segundo comentan dende a veciñanza, o Concello tivo notificación da orde ese propio día e non estaban nas listas dos usuarios dos Servizos Sociais, posto que segundo explican, a familia ten varias propiedades.

O piso quedou totalmente calcinado. Os residentes da zona explicaron que na tarde do venres os bombeiros tiveron que volver ao lugar do incendio porque foron avisados de que saía fume. Apuntalaron a parte superior, pero informaron aos habitantes do edificio de que a estrutura non estaba danada. De feito, os estragos foron debastadores, polo que é imposible que volva arder, segundo lle explicaron os bombeiros aos posibles afectados.

Fontes da Garda Civil indican que “temos as nosas hipóteses” pero aínda non se pode confirmar se o mozo foi o autor do incendio que provocou a morte da súa nai ata interrogalo e ter probas. De momento está hospitalizado en estado grave no CHUAC. Foi atopado inconsciente e tardouse preto dunha hora en reanimalo antes de ser trasladado ao hospital.

O incendio quedaba extingido o venres ao mediodía e os habitantes das doce vivendas foron desaloxados. Varias horas despois, os seus ocupantes puideron acceder de forma escalonada para avaliar posibles danos. O Concello quixo aplaudir o labor dos membros de emerxencias e das forzas de seguridade personados.