Clausurouse Empregateapp, que se celebrou compartido con Vedra, Boqueixón e Teo // Na Área de Santiago o Goberno galego financiará oito na convocatoria 22-23 cun investimento que supera os 4 millóns de euros // Están orientados a cubrir as demandas das empresas da contorna TEXTO C. Estévez

Obradoiros para xerar empregos

Obradoiro de emprego
Claudina Estévez
Manuel Fernández, 1º esquerda; Gonzalo Trenor, centro; e Carlos Martínez, ao fondo, cos alumnos e con membros da Corporación de Teo. F: Xunta

Este mes son os moitos os obradoiros de emprego da comarca que se están a clausurar. Esta semana facíao o destinado a menores de 30 anos Empregateapp, que se celebrou compartido con Vedra, Boqueixón e Teo e que estivo centrado en programación con linguaxes orientados a obxectos e bases de datos relacionais. Este taller contou cun apoio da Xunta de 369.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Ao acto acudiu o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, quen estivo acompañado polos alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández, e Vedra, Carlos Martínez, e por membros da Corporación de Teo.

Trenor explicou a gran utilidade deste tipo de formación porque, ademais de mellorar as capacidades para que os desempregados atopen un traballo, compleméntase con labores nos concellos e con prácticas nas empresas da contorna. O representante do Goberno autonómico destacou o compromiso do Concello de Teo coa empregabilidade porque leva anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e consegue importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afronta. O delegado da Xunta apuntou que “a convocatoria deste ano inclúe diversas novidades, como a ampliación da duración dos obradoiros dos 9 aos 12 meses”, dixo.

Teñen preferencia, como en pasadas edicións, os beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia, as mulleres, en xeral, e as vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, aqueles alumnos que carecen de títulos universitarios ou de Formación Profesional de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Trenor destacou que na comarca de Santiago a Xunta financiará na convocatoria 2002-2023 outros oito obradoiros de emprego nos concellos de Ordes, Santiago, Trazo, Padrón, Santa Comba e Melide e na Mancomunidade de Ordes, grazas a un investimento que supera os 4 millóns de euros. “O Goberno galego está a tramitar unha partida adicional de 10 millóns para chegar a máis beneficiarios, o que permitirá, cun orzamento global de 50,8 millóns de euros, que unhas 2.000 persoas sen emprego poidan formarse e acceder a un contrato laboral”, indicou.