Este festival arpístico, o único de todo o noroeste ibérico, dá hoxe comezo a súa oitava edición// Noia convértese, deste xeito, na capital europea do arpa// A xornada conta con música clásica, folk, flamenco e de vangarda TEXTO Pedro Brea

O Harp Fest congrega artistas de até seis países diferentes

Festival
Pedro Brea
Imaxe do colectivo Basabi, grupo de orixe vasca, que actúa nesta oitava edición do festival. Foto: NHF

A vila de Noia acolle esta semana a única cita arpística do noroeste ibérico. A oitava edición do Certame Internacional de Arpa Vila de Noia, o Noia Harp Fest, celebrarase dende hoxe e ata o venres 6 de agosto. O cartel reunirá este ano a artistas de Italia, Bretaña, Lituania, Francia, Paraguai, Galicia, Euskadi, Cataluña e Andalucía. Así pois, hoxe, a arpista italiana Marianne Grubi e a agrupación do País Vasco Basabi serán os encargados de inaugurar a singular viaxe musical coa que conta esta edición do festival noiés.

O VIII Noia Harp Fest inclúe concertos gratuítos para o público, ao aire libre, de intérpretes destacados deste instrumento, cunha pluralidade estilística moi variada, para que os espectadores poidan gozar “dunha proposta exquisita e ateigada de talento”, tal e como apuntou o director do certame, Rodrigo Romaní. Estilos como a música clásica, as creacións populares europeas e latinoamericanas, a vangarda contemporánea, o folk ou, por primeira vez, o flamenco, formarán parte do festival que acolle a devandita localidade coruñesa.

artistas. Así, a arpa constitúe o eixe vertebrador dun certame cuxo cartel inclúe arpistas e intérpretes de sona como a italiana Marianne Gubri, o bretón Tristan Le Govic, quen estará en Noia en formato trío, a andaluza Ana Crisman ou mesmo agrupacións como a vasca Basabi, formación con interese na difusión da txalaparta e da que forma parte a coñecida arpista Alicia Griffith; ou o tándem conformado polos arpistas Davide Burani e José Antonio Domené. Outro dúo, Formiga e Cigale, de orixe francesa e catalá, explora a música folk a través da arpa celta e do violín; mentres que o trío Ysando fusiona a tradición musical paraguaia e latinoamericana con composicións propias. Con todo, nesta edición tamén estarán presentes, como é habitual, os músicos galegos. É o caso de Pedro Lamas. O creador e compositor acompañará a Aiste Bruzaite nun concerto de kanklès, un singular instrumento de corda de orixe tradicional lituano e moi popular nos países da contorna máis cercana a el.

A VIII edición do Noia Harp Fest conta cun circuíto de escenarios conformado pola xa tradicional Praza do Tapal, onde se desenvolverán os concertos nocturnos, e Santa María da Nova, que acollerá os obradoiros e clases maxistrais que impartirán as artistas participantes. Este 2021, incorporarase, ademais, un novo escenario a ceo aberto, os xardíns da Central Hidroléctrica do Tambre, coa intención de pór en valor a estreita relación entre o patrimonio musical e o arquitectónico, ao tempo que celebra e visualiza os monumentos do territorio no que se realiza a actuación.

No referente ás entradas para acudir aos concertos, este conta con tódolas súas entradas reservadas dende unha semana antes do seu inicio. Con todo, o certame mantén activa unha lista de agarda por se fose posible acceder aos recintos e gozar, gratuitamente, da música. A este respecto, a organización pide que todas aquelas persoas que teñan o seu acceso confirmada e que, finalmente, non poidan asistir, avisen con antelación ao correo de programacionconcellodenoia@gmail.com para que o equipo do Harp Fest poida contactar con tempo coas persoas que se atopan nesta lista de espera. Tanto a dirección do festival como o Concello de Noia lembran ao público que, para garantir o goce seguro da proposta, a máscara será de uso obrigatorio durante os concertos.

Deste xeito, a vila de Noia dá lugar a un encontro único na Península que busca pór en valor a relevancia dun instrumento como a arpa. Un dos grandes descoñecidos da música e que conta cun gran abano de repertorio, xa que conta con presenza en xéneros musicais como o flamenco e o folk.