Olaxonmario triunfou na gala amesá Youtubeir@s e levou dous galardóns

Arrasou na ‘categoría raíña’ e na de Vídeo // Dende o xurado elevárono a referente nas redes
premios Youtubeir@s
M. Manteiga

Os quintos Premios Youtubeiras teñen xa os seus gañadores, despois da gala celebrada na noite do venres en Bertamiráns conducida polo grupo Tanxugueiras. E o gran triunfador da noite foi Olaxonmario, quen acadou dous dos cinco recoñecementos aos que aspiraba: Youtubeira/o e tamén o de Vídeo, destacando os xuíces que este creador é un “referente nas redes sociais”. E que o seu audiovisual Por que é que non entendo o Portugués? Co @Portuguese With Leo, está entre os vídeos en galego “non musicais que está a ter maior repercusión dende o seu lanzamento en Youtube”.

Os galardóns estiveron organizados polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, máis as universidades e Deputación da Coruña, procuran dende 2017 a promoción e visibilización das persoas creadoras na nosa lingua na Rede. Durante a gala, os membros do xurado, conformado por Noemí García Rodríguez, Fernando Ramallo, Adrián Lede, Sonia Méndez, Esther Estévez e Conchi Cochón Rodríguez en calidade de secretaria, deron a coñecer o seu veredicto en cada unha das categorías.

O xurado valorou positivamente “tanto a cantidade como a calidade das canles presentadas” e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para Youtube en lingua galega”. Na categoría de Canle, a gañadora foi O Son das ideas. “O seu contido triunfa por todos os recursos que emprega nos vídeos, pola súa facilidade de explicar temas complexos e a súa creatividade plasmada a través das animacións”, apuntou o xurado. Xunto as categorías Youtubeir@ e de Vídeo, foi a terceira cunha dotación económica de 1.000 euros.

CALIDADE. O premio á Calidade Lingüística recoñeceu neste 2021 a Neeumatiko, de quen o xurado puxo en valor o seu “dominio formal tanto na dimensión gramatical coma léxica e fonética”. Pola súa banda, Toxío recolleu o galardón no apartado de Calidade Técnica polo seu coidado uso dos recursos audiovisuais e Pablo Rodríguez Vila levou o Premio Impacto, xa que a súa canle conta cunha media de dúas mil reproducións a través de vídeo.

O Premio Comunicación recaeu en AstroXabi, dado que en moi pouco tempo conseguiu facerse un oco e xerar unha comunidade arredor dunha temática especializada. E a canle Cousas RarismASMR converteuse na gañadora do Premio Creatividade, mentres que se fixo co galardón musica a proposta de Cousxs, fronte a Fo Records.

Xacobo de Toro alzouse co Premio Didáctico, mentres que Recuncho Gamer acadou o Premio Pioneiro. Por último, a canle Orgullo Galego conquistou o Premio do Público con Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia. Estas nove categorías contan cunha dotación económica de cincocentos euros.