O ente provincial duplicou este ano o orzamento das subvencións pasando de un millón a máis de dous // O programa está destinado a sufragar parte das cotas da Seguridade Social // En Área foron atendidas 630 solicitudes TEXTO Marta Torres

Ordes e Teo lideran as axudas a autónomos da Deputación

Ayudas para autónomos
Marta Torres
O presidente, Valentín González Formoso, esquerda, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, na presentación do PEL 2022. Foto: D. C.

A Deputación da Coruña publicou o pasado mércores no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión das axudas da liña PEL-Autónom@s do Plan de Emprego Local, que ten por obxecto sufragar parte das cotas da Seguridade Social durante o ano 2022 de persoas autónomas naqueles meses que xa non perciban outras axudas, bonificacións, nin reducións. O presidente da Deputación, Valentín González, destacou que ao abeiro deste programa, “un total de 878 traballadores autónomos recibirán entre 1.200 e 2.400 euros para axudarlles no pago de cotas á Seguridade Social, cun investimento global de 2.032.600 €, que supón duplicar o millón de euros consignado inicialmente neste programa”.

A liña PEL-Autónom@s, dotada inicialmente cun millón de euros, foi suplementada de tal xeito que se puidesen conceder axudas a todas as persoas autónomas solicitantes que cumprisen os requisitos establecidos nas bases reguladoras, como ter o seu domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes e contar con menos de cinco anos de antigüidade na actividade empresarial. Ademais, establécese tamén como requisito que a persoa beneficiaria solicite un mínimo de seis mensualidades de cotas sociais correspondentes ao ano 2022.

Esta liña de apoio a autónomos é unha das que integran o PEL, unha aposta transversal do Goberno da Deputación á que se destinaron máis de 100 millóns de euros nos últimos seis anos a través de diferentes axudas para contratar persoal, impulsar o emprendemento, apoiar o desenvolvemento dos pequenos negocios e apoiar tamén aos traballadores autónomos.

En canto ás características dos beneficiarios das axudas, resulta destacable que o 47,71 % das persoas desenvolven actividades económicas que foron especialmente afectadas pola pandemia da covid. Así, obsérvase que 245 autónomos beneficiarios dedícanse á actividade comercio, restauración e hospedaxe (o que representa case o 28 por cento do total de axudas concedidas).

Pola súa banda, un 18 % das solicitudes concedidas pertencen actividades económicas enmarcadas dentro dos sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial para Galicia, dos cales 129 persoas dedícanse á actividade agrícola, gandeira, forestal e pesca.

En canto á distribución das axudas por concellos onde se localiza o domicilio fiscal das persoas autónomas beneficiarias, cabe destacar que a meirande parte proveñen de Sada, con 38 por importe de 89.600 euros, e Ordes con 34 solicitudes por importe de 78.400 euros, seguidas de Teo, con 31 solicitudes concedidas que supoñen 69.200 euros.

Atendendo á distribución por comarcas, a de Santiago é a que conta cun maior número de peticións concedidas con 277, o que supón 640.600 € en axudas, seguida da comarca de Bergantiños, cun total de 165 solicitudes validadas por un importe de 379.200 €. Entre ambos territorios concéntranse o 50 por cento do total das outorgadas.

A estas comarcas séguenlles a da Coruña, con 158 solicitudes por importe de 365.200 euros, e a de Ferrol con 155 e un importe de 358.200 €. As restantes, pertencen á zona de Barbanza, con 123 solicitudes e un montante en axudas de 289.400 €.