Oroso: en marcha o primeiro tramo da agardada Vía Verde

Foi adxudicado por 572.420 euros e permitirá acondicionar o trazado ferroviario que discorre pola conca do río Lengüelle
Vía verde
Claudina Estévez
Pola esquerda, Antonio Leira, Luis Rey, Valentín González, Manuel Mirás e Blas García. Foto: Deputación A Coruña

A Deputación da Coruña deu comezo onte no Concello de Oroso ás obras do primeiro tramo da Vía Verde de Santiago a Cerceda, un proxecto que conta cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros cofinanciados polo ente provincial e os fondos europeos FEDER.

A primeira Vía Verde da provincia coruñesa construirase sobre as antigas vías do ferrocarril e terá unha lonxitude total de 21,8 quilómetros, conectando os municipios de Santiago e Cerceda. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, realizou onte a súa primeira visita institucional ao novo alcalde orosán, Luis Rey. Estivo acompañado do deputado provincial Antonio Leira, concelleiro de Turismo de Oroso; de Blas García, alcalde de Ames; ademais de Manuel Mirás Franqueira, anterior alcalde do municipio e impulsor do proxecto da Vía Verde, polo que pelexou durante case 15 anos. Formaron parte tamén do percorrido polo primeiro tramo da Vía Verde os concelleiros e concelleiras da corporación local, así como outros alcaldes e edís da comarca. Todos eles visitaron o inicio dos traballos na estación da Sionlla.

González Formoso indicou que o primeiro tramo deste ambicioso proxecto foi adxudicado por 572.420 euros e acondicionarase un total de 7.510 metros do antigo trazado ferroviario que discorre pola conca do río Lengüelle, desde o PK 10+180 ata o PK 17+330. Esta actuación permitirá crear un novo itinerario que poderá ser usado por ciclistas e camiñantes, pois habilitarase unha plataforma axeitada para esta fin, construiranse elementos de contención de noiros, varandas de protección e instalarase a sinalización imprescindible para a identificación do percorrido así como a prohibitiva e normativa, incidindo na destinada a regular o paso nas interseccións.

Os outros dous tramos da Vía Verde, o de Ordes e o de Cerceda-Tordoia, foron xa adxudicados por 396.811,79 euros e 523.671,38, respectivamente, polo que os traballos darán comezo proximamente e o prazo de execución para todos é de 10 meses.

González Formoso sinalou que a ruta, que discorrerá polas antigas vías do ferrocarril, “é unha aposta do goberno provincial por un novo modelo de mobilidade sostible no territorio” e apuntou que o ex alcalde da vila, Manuel Mirás tivo que facer un traballo enorme “para a cesión destes espazos aos que agora se lles dará unha nova vida cumprindo un labor dinamizador, converténdose nunha zona de tránsito de xente de distintas procedencias e comunicando cinco concellos coa capital galega”.

O rexedor orosán apuntou respecto a isto que “sei ben as veces que Manuel Mirás foi a Madrid a pelexar por este proxecto, que hoxe está máis cerca de ser unha realidade e será moi importante para os veciños e veciñas de Oroso”, engadiu. Insistiu asemade en que a Vía Verde significará “un impulso no eido económico e incluso no medio ambiental e no deportivo, que suporá un engadido para o desenvolvemento do municipio” e agradeceulle á Deputación que se involucrase tanto neste proxecto e a Manuel Mirás que fose o impulsor desta idea “pola que tanto pelexou”. Dende o goberno local aproveitaron para recordar que a primeira Vía Verde da provincia da Coruña terá unha lonxitude de 36,5 quilómetros. Para completar o proxecto, “o Concello fará un carril-bici que conectará o casco urbano de Sigüeiro coa vía”.

SEGURIDADE O presidente provincial anunciou durante a visita que o proxecto para a mellora da seguridade viaria na estrada DP-3802, que vai de Ordes a Pontecarreira, levarase ao pleno da Deputación deste mes para a súa aprobación técnica e contarán cun orzamento de 210.514,43 euros.

As obras, que teñen un prazo de execución previsto de cinco meses, consistirán na execución dunha senda peonil de 1,80 metros de ancho no tramo entre os PPKK 7+420 e 8+450 co obxectivo de mellorar as condicións de accesibilidade. Discorrerá paralela á plataforma existente, inicialmente pola súa marxe dereita no núcleo de Carballal para logo cambiar á esquerda á altura do actual local social en Marzoa ata dar continuidade coa senda existente. Ademais, separarase da beiravía e delimitarase cun bordo prefabricado.

Por certo que González Formoso aproveitou a visita para achegarse tamén á escola infantil Trastes, beneficiaria do programa PEL Empresas da Deputación, e o Bar Fernández, en Villaromariz, beneficiario do programa PEL Hostalería.