Oroso honrou a Protección Civil pola loita contra a covid

Protección Civil
F.R. Garabato
INSIGNIA. O alcalde, Luis Rey, entregou a insignia. Fotos: C.O.

O alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, fixo entrega este sábado da Insignia de Ouro do Concello á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil desta localidade.

Ao acto, celebrado na alameda de Góis, asistiron, entre outras autoridades, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o deputado provincial de Promoción Económica e Asistencia a Municipios e alcalde de Ames, Blas García; e o rexedor de Brión, Pablo Lago.

O Concello recoñeceu con esta distinción a excepcional implicación e o traballo incansable dos voluntarios e voluntarias da agrupación durante a pandemia da covid.

Desde marzo de 2020, Protección Civil de Oroso foi parte fundamental de todas as medidas postas en marcha pola administración local para axudar na pandemia ós colectivos máis vulnerables ou desinfectar espazos públicos.

“Estou emocionado e orgulloso; as persoas que hoxe homenaxeamos estiveron na primeira liña nunha situación moi complicada e con moitos medos e dúbidas na sociedade, pero en ningún momento deixaron de cumprir, polo que estaremos sempre en débeda con eles”, asegurou Luis Rey Villaverde.

Santiago Villanueva lembrou “os dous anos de pandemia que se cumpren agora; dous anos difíciles e complicados nos que tivemos a gran axuda das agrupacions de Protección Civil”. Blas García, que é voluntario do colectivo, destacou “o orgullo que sinto hoxe; é difícil de explicar ás veces os motivos que levan a unha persoa a formar parte de Protección Civil pero, cando estás dentro, sentes que formas parte dunha familia”.

Manuel Mirás, exalcalde e actual presidente da agrupación, non puido asistir tras dar positivo por covid. No acto realizouse ademais unha sentida homenaxe a Pedro Suárez, unha das persoas máis activas nos primeiros anos da citada agrupación.