Oroso pide unha rotonda alternativa para acceder ao polígono San Martiño II

O alcalde, Luis Rey, e o senador Manuel Mirás mantiveron un encontro en Madrid co director xeral de Estradas do Goberno
Polígono industrial
María Rendueles
Pola esquerda, Manuel Mirás, Javier Herrero e Luis Rey tras a reunión mantida no Ministerio de Transportes. Foto: C. O.

O alcalde de Oroso, Luis Rey, e o senador Manuel Mirás mantiveron unha reunión en Madrid co director xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Javier Herrero Lizano, para negociar unha conexión alternativa desde a estrada N-550 ao futuro polígono industrial San Martiño II, debido a que a normativa vixente impide a construción dunha rotonda convencional en superficie pola elevada densidade de tráfico e a existencia doutras glorietas próximas.

O rexedor amosouse “satisfeito” coa nova solución de construír unha glorieta por debaixo da estrada N-550, xa que, “aínda que sería máis custosa, contaría co visto bo da Dirección Xeral de Estradas e permitiría desbloquear o desenvolvemento do polígono industrial”. “Temos o compromiso do director xeral de que antes de finais de ano estará plasmada tecnicamente esta nova solución”, dixo Rey.

Unha vez aprobada esta alternativa de conexión por parte do Ministerio de Transportes, xa só restaría como último trámite administrativo a aprobación da modificación puntual 7 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) por parte da Xunta de Galicia, o que permitiría comezar a urbanizar a primeira das tres fases en que está previsto o desenvolvemento do polígono industrial San Martiño II.

“Oroso, polo seu patrimonio natural e a súa proximidade con Santiago, é un concello moi apetecible para vivir e traballar, e por iso queremos seguir atraendo empresas que xeren postos de traballo para que a nosa poboación teña saídas profesionais aquí, preto da casa, e para que os niveis de desemprego sigan estando entre os máis baixos dos concellos da nosa categoría”, argumentou o alcalde.

Por último, Luis Rey e Manuel Mirás tamén aproveitaron o encontro co director xeral de Estradas para interesarse polo estado do proxecto da variante coa que se pretende eliminar o paso do tráfico de vehículos pesados polo centro de Sigüeiro.