Oroso toma exemplo do modelo de reciclaxe rural que emprega Carballo

Reciclaxe
O.D. Vilar
Antonio Leira, primeiro esquerda, e Rey, segundo. Foto: CDO

Oroso. O mandatario local de Oroso, Luis Rey Villaverde, xunto aos concelleiros José Calvo e Antonio Leira, visitaron o Concello de Carballo para coñecer a súa estratexia para fomentar unha correcta xestión dos residuos e impulsar a compostaxe.

Alí mantiveron unha reunión co alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que expuxeron as liñas básicas da súa política de xestión dos residuos, os aspectos administrativos e o funcionamento do servizo, sobre todo no que se refire ao programa de compostaxe na zona rural.

“Queremos poñer en marcha en Oroso o colector marrón, a quinta fracción, para a reciclaxe dos residuos orgánicos”, explica Luis Rey, “xa que somos un concello comprometido co medio ambiente e queremos dar máis pasos”.

“Este tipo de visitas son de gran valía para coñecer de primeira man a experiencia doutros concellos que tamén apostan de forma clara pola reciclaxe”, engade.

En liña coa Estratexia Española de Economía Circular, a nova Lei de Residuos e Solos Contaminados obriga a todas as entidades a reducir gradualmente os residuos, e establece un calendario de implantación da recollida separada de biorresiduos domésticos, a partir deste ano para concellos con máis de 5.000 habitantes, e a partir do 2024, para todos os demais.

Carballo foi pioneiro en implantar o colector marrón para o lixo orgánico. O.D. Vilar