Alumnos do colexio Barrié retratáronse co presidente Rueda // Brión entregou vales ás mellores tarxetas // En Barcala houbo festas de disfraces e tamén xogos

Os máis novos da comarca despiden con xogos, saídas e premios o Nadal

Actividades lúdicas
M. Outeiro
Os nicrarienses celebraron unha festa con inchables en dúas quendas no pavillón escolar do Coto. Foto: CDN

O futuro de Área de Compostela rematou as festas de Nadal cunha chea de xogos, premios e incluso saídas que lles axudaron a volver as aulas con optimismo e enerxía.

Este foi o caso dos rapaces de quinto e sexto do colexio Barrié de la Maza de Santa Comba, que visitaron a Cidade da Cultura, o Parlamento e tamén a Xunta. Alí atopáronse, segundo o seu docente César Ramos, co mesmiño presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que non dubidou en retratarse con todo o grupo.

Non moi lonxe da capital xalleira, no Val de Barcala, a rapazada de Negreira poido desfrutar dunha festa con xogos infantís, inchables e obradoiros, en dúas quendas de mañá e tarde que fixeron as delicias da cativada e as súas familias, mentras que na Baña organizaron unha troula con disfraces e actividades lúdicas para despedir o Brinca Nadal.

Xa en Brión, foi o rexedor, Pablo Lago, o que quiso achegarse á entrega de premios do Concurso de Tarxetas de Nadal dirixido aos escolares locais. Obtiveron vales regalo pola EEI dos Ánxeles Naiara Vento e Daniel Martínez; na EEI de Sabaxáns, Mía Mosquera, Hugo Souto e Aleixo Vázquez. Polo CEIP de Pedrouzos (en Infantil), foron Camila Rodríguez, Olivia Collar e Ariadna Alvo. E en Primaria, Noa Barge, Navia Cid, Marco Carbajal, Hugo Berdullas, Maël Mallo, Xavi Gómez, Uxía Sobrido, Antón Bóveda e Mateo López.