O acto tivo lugar no Pazo de Quián, en Boqueixón, e estivo presidido por José González, conselleiro do Medio Rural // A Xunta reafirmou o seu compromiso coa promoción e a protección das producións de calidade galegas TEXTO C. Estévez

Os mellores queixos e meles de Galicia recibiron o seu galardón

Premios
Claudina Estévez
Foto grupal dos gañadores da XXV Cata dos Queixos e da XXI Cata dos Meles de Galicia, co conselleiro do Medio Rural, no centro. Foto: Sangiao

Este venres celebrouse a entrega dos premios da XXV Cata dos Queixos e da XXI Cata dos Meles de Galicia. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e do director xeral de Gandaría Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, foi o encargado de presidir o acto, que tivo lugar no pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón). O conselleiro reafirmou o compromiso da Xunta pola promoción e pola protección das producións de calidade de Galicia. Un compromiso que, salientou, plásmase na aposta por Galicia Calidade, que definiu como “a nosa marca de identidade”.

Nesta liña, José González lembrou que, con este distintivo, o Goberno galego leva xa traballando 25 anos, e “agardamos seguir avanzando outros 25 anos máis”, remarcou. E engadiu que “dentro desta marca a sección específica Galicia Calidade Alimentaria englobará produtos alimentarios con excelencia recoñecida, afondando tamén na súa promoción”, indicou o conselleiro.

Este ano o queixo gañador na categoría DOP Arzúa-Ulloa foi Queinaga, a prata levouna Pazo de Anzuxao e o bronce Bo-Queixo. Na DOP San Simón da Costa, Catadoiro fíxose co ouro, e Prestes coa prata. Na categoría DOP Queixo Tetilla o máximo galardón foi parar a Queinaga, o segundo a Pazo de Anzuxao e o terceiro a Daniberto. O premio no apartado DOP Arzúa-Ulloa curado foi para Arqueixal e no DOP Cebreiro venceu Castelo.

No tocante aos meles premiados hai que destacar que na categoría de multiflorais con IXP Mel de Galicia foron recoñecidos este ano Meles J.S. (ouro), Manuel Sande (prata) e Horta das Colmeas (bronce). Xa no apartado de monoflorais con IXP Mel de Galicia levou o ouro O Trobo Mel do Valodouro (mel de eucalipto), a prata foi parar a El Colmenar de Sara (mel de castiñeiro) e Meles J.S. tivo o bronce (de eucalipto).

Durante o acto, o conselleiro do Medio Rural referiuse á promoción e protección da calidade alimentaria galega. En relación coa primeira, recordou que nese eido vanse investir ao longo do 2023 preto de 5,5 millóns de euros. Con eles, dixo, apoiarase a presenza dos produtos agroalimentarios galegos en feiras, tanto nacionais como internacionais. Tamén se fomentarán os ciclos curtos a través de soportes como internet e, nesta liña, salientou que “xa está funcionando o mercado dixital oficial destas producións, Experiencias de calidade”. E, así mesmo, continuarase apoiando o labor de promoción dos consellos reguladores dos distintos selos de calidade, incluídas, dixo, “as denominacións de orixe protexidas dos queixos Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro e o da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia”. No mesmo ámbito da promoción, referiuse á recente celebración da 2ª edición da mostra Galicia Etiqueta Calidade.

González non quixo pechar o acto sen trasladar o seus parabéns ás 20 industrias dos 33 meles presentados este ano ás catas, así como as 43 mostras das 30 queixerías que competiron nesta edición do certame dos queixos. Ademais, agradeceu o traballo dos expertos que conformaron o xurado e que, remarcou, “non o tiveron nada fácil”, asegurou.