Un libro recolle as propostas dos máis mozos // O proxecto quere estimular unha actitude crítica entre os nenos para que comecen o seu desenvolvemento como cidadanía activa TEXTO Pedro Bao

Os rapaces carballeses deseñan ‘A vila do mañá’

Urbanismo
Pepe Bao
Portada do libro ‘A vila do mañá’ que recolle as propostas dos máis mozos para deseñar o Carballo do futuro.

Os gobernos progresistas do país instalaron, dentro das súas posibilidades, a participación dos veciños e veciñas na elaboración tanto dos orzamentos como da actividade municipal. En moitos casos faise de xeito asambleario, en outros vía telefónica ou por correo electrónico e aínda hai algún outro xeito que pode chegar a ser toda unha sorpresa. Pero hai otros xeitos de chamar pola participación cidadá.

Ben o saben en Carballo, onde van máis alá e buscan a mirada limpa dos máis mozos do concello para construír o futuro da vila ou a vila do futuro, para ir máis alá no deseño da capital de Bergantiños.

Nos procesos de participación pública que se impulsan dende o Concello de Carballo tamén teñen cabida os nenos e as nenas. Por iso se recorre a eles para que tamén contribúan a deseñar A vila do mañá, e ese é, precisamente, o título do libro que recolle as súas propostas, e que xa está á disposición de quenes desexen lelo ou consultalo na Biblioteca Rego da Balsa.

Por alí poden pasar para recollelo as familias dos nenos e nenas que participaron nos obradoiros realizados nos anos 2018 e 2020, pero tamén calquera outra persoa interesada, ata fin de existencias.

A vila do mañá é un proxecto da arquitecta Sandra González Álvarez no que colaboran o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, Post Arquitectos e o Concello de Carballo, coa intención de estimular unha actitude crítica entre os nenos para que comecen o seu desenvolvemento como cidadanía activa, xa que eles e elas serán os responsables de construír o Carballo do futuro.

O obxectivo dos obradoiros, dirixidos a nenos de 5 a 12 anos de idade, foi incluír á infancia nos procesos de construción do espazo común, partindo da cidade como unha ferramenta educadora sobre a cal a cidadanía ten dereito ao seu desfrute e á súa transformación.

Como se recolle no propio libro, o proxecto parte de tomar a vila de Carballo como un taboleiro do xogo da oca, conformado por aqueles elementos arquitectónicos, urbanísticos, paisaxísticos, artísticos e culturais que configuran a súa identidade. Algún deses elementos están debuxados nas primeiras páxinas da publicación para que a rapazada se encargue de darlles cor.

De seguido faise un repaso explicativo, a través de texto e imaxes, das actividades desenvolvidas nos obradoiros celebrados do 16 ao 20 de xullo de 2018 e do 21 de decembro de 2020 ao 8 de xaneiro deste ano, este último cun formato moito máis virtual condicionado pola covid.

A última parte do libro é unha reflexión da súa autora, a arquitecta Sandra González Álvarez, sobre a evolución de Carballo nos últimos tempos. “Penso que o traballo que se está facendo desde o Concello de Carballo, facendo renacer a vila pensando nos seus cidadáns, pon ó municipio na vangarda das vilas galegas, e para min, por conseguinte, na vangarda do urbanismo. Creo que Carballo é a vila do mañá”, conclúe a impulsora deste proxecto.