Recalaron dous días en Ames, e ata Teo chegaron en tren // En Ribeira, as Súas Maxestades desfilaron nunha comitiva de once carrozas de personaxes infantís

Os Reis primaron por seguridade as visitas estáticas

Nadal
Avelino Arca
cEE. Os nenos e nenas da Escoliña recibiron a visita de Súas Maxestades, acompañadas da alcaldesa. Foto: C.C.

Despois dunhas cabalgatas na súa meirande parte estáticas e sen doces, a rapazada poido desfrutar dos regalos que lle trouxeron pola noite os Reis Magos, a espera de recuperar o contacto para o ano 2023.

En Padrón, a recepción aos Reis Magos celebrouse no pavillón do Souto. Entre as 18.00 e as 20.30 horas saludaron os nenos e nenas e os agasallaron con golosinas que collían os propios cativos. En Ames estiveron durante dúas xornadas para repartir ilusión, coa colaboración de Protección civil, mentras que a Teo chegaban en tren para desprazarse logo polo municipio en bus clásico ata o pavillón da capital.

Na Costa da Morte, Súas Maxestades percorreron a maioría das parroquias dos Concellos. En Cee, fixeron unha parada na escola infantil, e en Vimianzo visitaron tamén aos maiores da residencia de Domusvi.

En Ribeira a chuvia cesou xusto no intre no que chegaban á explanada portuaria. Os Reis Magos desfilaron pola fachada urbana nunha comitiva formada por once carrozas de personaxes infantís. Pola mañá visitaran as parroquias a bordo dun autobús, entregando ós cativos rifas para o sorteo de agasallos. En Rianxo tiveron que apurar o paso polo mal tempo e facer de golpe todo o percorrido polas parroquias, sen a pausa prevista. Na Pobra estiveron toda a mañá facendo videochamadas cos nenos e nenas que se atopan estes días confinados nas súas casas pola covid. Pola tarde percorreron en coches o municipio.

En Lousame 255 familias acodiron na casa da cultura Santeiros da Chave á recepción para a que reservaran cita. En Muros a recepción foi na igrexa parroquial de San Pedro.