Os veciños de Frades con discapacidade recoñecida xa teñen axudas técnicas

Axudas
Claudina Estévez
Manuel Ferreiro (2º esq.) na farmacia ortopedia. Foto: C.F.

O Concello de Frades fixo entrega dos primeiros empréstitos de axudas técnicas para a mobilidade a veciños e veciñas do municipio cunha discapacidade ou dependencia recoñecida e uns ingresos inferiores ao 150% do IPREM. O concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, desprazouse ata a empresa concesionaria deste servizo, a Farmacia Ortopedia Pájaro Lago (Ordes), para supervisar a entrega das primeiras axudas técnicas, entre as que figuran camas articuladas, cadeiras de rodas, andadores e guindastres para levantar ou pousar ás persoas.

Ferreiro Marzoa amosou a súa satisfacción coa posta en marcha deste novo servizo xa que “a resposta está sendo moi positiva, tanto por parte das persoas beneficiarias que temos na actualidade como por parte da empresa concesionaria, que ademais é unha firma desta comarca”. Este servizo e o Bono-Taxi, son as dúas novidades deste ano 2022 e únense a outros xa existentes como o de axuda no fogar, o de teleasistencia, podoloxía, fisioterapia ou peiteado a domicilio.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “o obxectivo deste novo servizo é mellorar o benestar físico, persoal e social destas persoas que non dispoñen dos recursos económicos necesarios para acadar unha maior autonomía persoal. O que buscamos é facilitarlles un pouco o seu día a día tanto a elas como ás persoas coidadoras”, especifica.

O servizo está aberto atodos aqueles que padezan de limitacións funcionais graves ou que por motivos temporais teñan reducida a súa mobilidade (por un accidente, unha operación...) e precisen de axudas técnicas para poder mellorar a súa capacidade funcional.

Os requisitos son que a persoa debe estar empadroada no municipio de Frades, non debe ter acceso á prestación de axudas técnicas por ningún outro medio, e que a renda per cápita da súa unidade familiar non supere o 150% do IPREM.

O servizo de préstamo será de 18 meses, salvo casos excepcionais como falecemento ou solicitude de baixa por parte da persoa usuaria, uso indebido da asistencia técnica ou perda dos requisitos de acceso ao mesmo.