Padrón abre o prazo de solicitar postos na Feira Medieval de setembro

Celebrarase do 2 ao 4 dese mes e instalaranse nas rúas do casco histórico // Participan os sectores de alimentación e artesanía
Ferias
María Rendueles
Actividades e xente na Feira Medieval polas rúas de Padrón durante unha pasada edición. Foto: Sangiao

O Concello de Padrón vai celebrar unha nova edición da Feira Medieval do 2 ao 4 de setembro nas rúas do casco histórico da vila co obxectivo de promocionar e potenciar a artesanía galega. As persoas interesadas en montar postos de artesanía ou gastronomía na feira teñen de prazo ata o 22 de xullo para presentar as súas solicitudes no Rexistro do Concello. Deberán cubrir o impreso de solicitude e, xunto con toda a documentación requerida, entregala no Rexistro antes do 22 de xullo.

Poderase solicitar a participación na Feira Medieval de Padrón en dúas modalidades: Alimentación, para aqueles postos que vendan comida ou bebida, e Artesanía, para os que vendan de produtos manufacturados polo propio vendedor ou vendedora mediante proceso artesanal, e que exhiba a devandita técnica ante o público un mínimo de dúas horas diarias, durante o transcorrer da feira.

En canto aos prezos dos postos, será de oitenta euros para os de artesanía e que midan ata tres metros de longo, e de noventa euros para os que excedan desa medida.

Para os de gastronomía, o prezo será de cen euros con independencia do tamaño. As tarifas inclúen o custo de participación e a taxa de ocupación de dominio público.

A Feira Medieval de Padrón estará aberta ao público o dous de setembro (venres) de 18.00 a 01.00 horas e o sábado e o domingo (días 3 e 4) de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 01.00 horas. A partir da unha da madrugada non se poderá facer ningunha actividade nos mencionados postos.