Dentro da programación da Festa da Anguía, celébrase un concurso culinario // Os equipos finalistas presentaron unha torta rechea de vexetais e unha ensalada chamada Carolina TEXTO M. Boo

Pequenos chef ‘made in Valga’

Gastronomía
M. Boo
Os concursantes tiveron que adiviñar os ingredentes probándoos a cegas

O concurso Anguía Chef deu comezo coa disputa da proba eliminatoria, na que participaron tres equipos formados por mozos de entre 13 e 18 anos. Os competidores tiveron que superar distintas probas. O primeiro desafío que lles propuxeron os xuíces foi atopar, seguindo unha serie de pistas, tres sobres agochados en distintos puntos do Parque Irmáns Dios Mosquera –no lavadoiro, na estatua da Bella Otero e no Centro de Interpretación da Caña– para asignar a cada grupo unha caixa con ingredientes que tiveron que adiviñar nunha cata a cegas.

Despois chegou o momento de poñer o mandil para preparar un prato frío no que, obrigatoriamente, tiveron que incluír os ingredientes adiviñados. O equipo verde, formado por Noa, Alexandra, Mirian e Sara, presentou tortas recheas de vexetais acompañadas dunha ensalada e un postre a base de mazá e dátiles. O equipo azul, con Rita, Lucía, Carla e Ainhoa, elaborou un tomate recheo e, por último, o equipo vermello, composto por Alejandro, Arón, Gustavo e Pedro, preparou unha ensalada á que chamou Carolina en homenaxe á Bella Otero.

Trala deliberación dos xuíces, foron os equipos vermello e verde os que pasaron á final empatados a puntos. Este mércores veranse na gran final, na que terán que demostrar que son os mellores cociñando anguía para conseguir o premio.

Anguía Chef é unha das actividades do Agosto Gastronómico programado polo Concello con motivo da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. O venres desenvolverase outra das propostas: o showcooking A caña no prato, co cociñado en directo de catro tapas elaboradas con augardente do país.

Ademais, está aberto o prazo de inscrición ata o día 18 para outro dos showcooking programados, Universo anguía, no que os asistentes poderán degustar catro petiscos con este peixe como ingrediente principal.