Pili Pampín é a protagonista da primeira das catro verbenas da celebración // Actuarán tamén Broken Peach e Rock & Ríos Band // Víctor Castiñeira dará o pregón TEXTO C. Estévez

Pistoletazo de saída ata o martes das festas de Cee

Festas
Claudina Estévez
Rock and Ríos Band, a banda tributo a Miguel Ríos actuará o martes, día 16. Foto: LP Photo

Agosto é o mes das festas e dende logo o deste 2022 máis ca nunca, porque despois de dous anos sen facelas ou con moitas restricións pola pandemia, volven con máis forza. Cee está xa a prepararse para o seu festexo máis importante, as Festas da Xunqueira, que se desenvolverán dende este sábado 13 ata o vindeiro martes día 16.

Despois de Fernando Fraga no 2019 e Xosé Iglesias no 2021, este ano será o técnico de Cultura do Concello e historiador, Víctor Castiñeira, o encargado do pregón deste sábado. Pola noite terá lugar a primeira das catro verbenas, neste caso amenizada por Pili Pampín. A popular cantante galega, xurado no concurso da TVG A Liga dos cantantes extraordinarios, é unha das referentes sen dúbida da verbena galega das últimas décadas. Música galega de sempre e novos éxitos como Gozaremos do verán ou a novidosa versión do tema Eu chorar chorei realizada en colaboración co cantante Ortiga serán protagonistas dunha noite pensada para o desfrute de todos os públicos na que os máis novos terán un espectacular fin de festa coa Disco Móvil CDC.

O domingo 14 será o día dos nenos cos cabezudos e o musical A Granxa. As orquestras La Ola Adn, que xa estarán na sersión vermú, e o grupo Broken Peach actuarán pola noite. Este último é unha banda que creou unha nova forma de fusionar a música co espectáculo. Unha das súas mellores bazas é ter unha estética extravagante que aporta unha gran frescura visual ao público. O estilo de música que interpretan vai desde o soul ata o rock, pasando polo gospel, o funky, o pop, etc. O éxito dos seus vídeos nas redes sociais é imparable, chegando a acumular máis de 30 millóns de visualizacións da súa versión de This is Halloween.

O luns 15, ademais dos pasarrúas con O Rumbo e os concertos da Banda de Música de Cee, terán lugar nos xardíns do Paseo Marítimo os tradicionais fogos como culminación a unha verbena coas orquestras Metrópolis (xa na sesión vermú) e La Banda de Ayer.

Por último, as festas rematarán o día 16 co pasarrúas O Rumbo, a presenza da Banda de Gaitas de San Xoán de Paramos (Tui), que este ano participou no Desfile de San Patricio en New York; unha das grandes orquestras da verbena galega: a Compostela, e Rock&Ríos, a banda tributo oficial do gran artista granadino Miguel Ríos. Os seus éxitos soarán en Cee nun cuidado espectáculo que emocionará ao público. Rock & Ríos Band é na actualidade unha das mellores bandas tributo do país polo seu traballo e ampla traxectoria, con máis de 300 concertos realizados a nivel nacional, a única banda oficial que realiza nos seus concertos un fabuloso e fiel homenaxe lembrando aquelas grandes cancións de Miguel Ríos como: Bienvenidos, El Blues del Autobús, El Río, Santa Lucía, Reina de la Noche, Generación Límite, Banzai, Los viejos Rockeros Nunca Mueren, Al - Andalus e Himno a la Alegría, entre outros temas.