Pola desembocadura do Tambre

Pesca
Manuel Romasanta Touza
Lagoa de Sobrado, represa que embalsa auga de pequenos regatos. Foto: ECG

En terras de Noia, cando xa o río Tambre inicia o seu longo abrazo co Océano Atlántico, atópase un espectacular enclave etnográfico e paisaxístico, como é o que está formado polos rodeiros do Tambre, a Central Hidroeléctrica e Ponte Nafonso.

A día de hoxe tan só quedan restos dos antigos rodeiros, empregados para a pesca da lamprea. Pero, ao longo da súa historia, tiveron gran importancia económica para a zona. Os rodeiros (ou pesqueiras) constan de bloques de pedra separados entre eles e unhas estruturas de madeira (fixas e móbiles) cunha nasa na súa parte inferior. A lamprea, peixe azul, foi motivo de intensa actividade pesqueira no Tambre a través de centos de anos. A súa pesca realizábase dende Ponte Maceira (Negreira) ata Ponte Nafonso (Noia). Os rodeiros permitían capturar grandes cantidades de lamprea que despois era comercializada en zonas próximas e diversos puntos de Galicia e España. Peixe apreciado polo seu sabor intenso, é un dos vertebrados máis primitivos. En Galicia a súa pesca realízase fundamentalmente nos ríos Miño, Ulla e Tea. De tamaño variable, vive no mar.

Cando alcanza a madurez sexual, remonta a corrente do río a principios de ano para realizar o desove a finais da primavera, escavando un niño no leito da grava onde deposita os ovos. Despois, os adultos morren. A súa morfoloxía (é considerado un dos animais máis feos) é moi especial. Ten a pel lisa, sen escamas, con boca circular e ventosas. Transcorridos aproximadamente dous anos, as larvas transfórmanse e inician o seu peregrinar cara o mar, permanecendo alí entre dous ou tres anos. Como di o refrán:

“en febreiro para o cabaleiro

en marzo para o amo

en abril para o señoril

en maio para o criado

en San Xoán para o can”.

As lampreas desta zona parece ser que xa na época imperial romana eran transportadas a Italia, onde se conservaban en viveiros para o seu consumo. En torno ao século X, a meirande parte dos rodeiros estaban en mans do mosteiro de Toxosoutos (Lousame). Da súa importancia dá idea a construción dunha casa (a Casa dos Frades) para o pago de impostos. Coa Lei de Desamortización de Mendizábal, as ordes relixiosas perderon os seus dereitos sobre as pesqueiras. A construción da presa Barrié de la Maza nos anos 60 do século pasado trouxo como consecuencia a case total desaparición da lamprea no Tambre, aínda que a día de hoxe existen signos de certa recuperación.

Próxima aos rodeiros podemos contemplar o singular edificio da Central Hidroeléctrica do Tambre, a primeira gran central hidroeléctrica de Galicia. Construída nos anos 20 do século pasado, foi deseñada por Antonio Palacios. O edificio posúe un exterior modernista e certo aspecto catedralicio. O arquitecto Antonio Palacios, natural de Porriño, é considerado como un dos máis importantes e influentes da primeira metade do século XX en España.

Se nos acercamos á desembocadura do Tambre, a Ponte Medieval de Ponte Nafonso (que une os concellos de Noia e Outes) é un reclamo máis desta fermosa zona intermareal. É lugar de gran valor ecolóxico, xa que no estuario do río (Espazo Natural incluído na Rede Natura 2000) as canaveiras fanse donas das súas marxes e serven de refuxio para unha abundante e diversa fauna. Da construción da ponte non existe unha data certa. Moitas pontes medievais foron construídas onde existía outra de orixe romana. A ponte actual de pedra data do século XIV, substituíndo a de madeira (posiblemente do século IX, época do rei Alfonso II ). Está catalogada como ponte baixomedieval de estilo gótico. Na súa orixe constaba de 27 arcos construídos en bloques de granito. Coas reformas posteriores no século XIX e a acometida recentemente, a ponte consta de 20 arcos (e outros dous tapados). Pola súa lonxitude (270 metros) é unha das pontes medievais máis longas de Galicia. As lendas contan que o seu construtor, Alfonso, era o irmán do que realizou a igrexa do mosteiro de Toxosoutos. Ambos prometéranse non ver as súas respectivas obras ata non seren acabadas. Alfonso non cumpriu a promesa, e como castigo non puido ver rematada a súa:

“Adeus ti, ponte Nafonso

non sei quen te acabará

trinta anos me levaches

flor da miña mocedá”.