Feijóo destacou a remodelación como exemplo da aposta pola integración dos portos nas vilas costeiras e a súa apertura ao mar // Avanzou novos proxectos no municipio, como a ampliación do número de atraques en Portosín TEXTO Marta Torres

Porto do Son inaugurou unha revitalizada fachada marítima

Urbanismo
Marta Torres
Feijóo e Oujo, en primeiro término, xunto aos arquitectos que redactaron o proxecto no paseo sonense durante o acto inaugural. Foto: D. Cabezón

Durante un encontro entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, alá polo ano 2014, xurdiu o proxecto de remodelación da fachada marítima; hoxe é unha realidade. Este mércores ambos mandatarios presidiron o acto inaugural do novo paseo, acompañados pola conselleira do Mar, Rosa Quintana; a presidenta de Portos do Galicia, Susana Lenguas; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o patrón maior, o secretario da confraría e os arquitectos que se encargaron da redacción do proxecto.

O presidente autonómico referiuse á remodelación do bordo portuario como exemplo da aposta pola integración dos portos nas vilas costeiras e a súa apertura ao mar.

“Trátase de facer compatible a actividade portuaria coa humanización da contorna, porque fermosismo é rehabilitar edificios de valor histórico nos cascos vellos das cidades e é reducir os impactos paisaxísticos, pero tamén é mellorar as fachadas marítimas e converter os bordos portuarios en zonas atractivas para os turistas e os veciños, xerando riqueza na vila”, afirmou durante a visita ás obras realizadas.

O Goberno galego investiu nesta actuación catro millóns de euros e actuou nunha superficie de 26.000 metros cadrados. Os traballos realizados permitiron reorganizar a vía, crear un edificio de servizos náuticos e portuarios na proximidade do dique, humanizar a contorna coa plantación de árbores, harmonizar a zona –de xeito que todas as rúas que cruzan a vila ata o porto teñen pavimento de pedra– e construír unha rotonda elevada na entrada que permite regular o tráfico.

Feijóo destacou que esta obra é un conxunto de actuacións. “Comenzamos con novos pantaláns con 50 prazas para buques pesqueiros de gran tamaño que instalamos en O Son; conseguimos mellorar a praza do Curro en Portosín e o desenvolvemento de 20 proxectos ao abeiro dos grupos locais de acción pesqueira; despois fixemos esta obra. Levamos investidos só no sector portuario pesqueiro 6 millóns de euros”, indicou o presidente.

Neste sentido, avanzou que a Xunta ten comprometidos e presupuestados novos proxectos na zona vinculados co ámbito marítimo. “Imos mellorar o abrigo e ampliar o número de atraques en Portosín con case 2 millóns de euros e tamén acondicionaremos as lonxas”. A estes proxectos sumaranse outros en eidos como o educativo, coa construción dun novo colexio; o sanitario, cun novo centro de saúde; o saneamento, cunha nova depuradora no núcleo de Queiruga e, na súa aposta polo fermosismo, darán unha imaxe máis natural á praia de O Cruceiro, organizando os accesos á mesma a través dunhas dunas.

O presidente do Executivo autonómico concluíu recordando que a Xunta está a facer unha grande aposta por mellorar as instalacións portuarias de toda a Comunidade. Non en van, desde 2009 investíronse máis de 200 millóns nos peiraos autonómicos coa creación de amarres e abrigos, entre outros aspectos.

Ademais, aproveitou o acto para pedir ao Goberno central que toda a frota poida acollerse á rebaixa do prezo do combustible, e a outras medidas adicionais como a flexibilidade interanual nas cotas de pesca.