Proxecto piloto do GDR para dar valor ao lixo orgánico

O Grupo de Desenvolvemento Rural aprobou unha subvención para Alecrín de Melide
GDR
Claudina Estévez
Imaxe dunha andaina organizada pola Asociación de mulleres rurais Alecrín de Melide a comezos de mes. Foto: A.M.R.

A Xunta Directiva do GDR Ulla Tambre Mandeo vén de darlles luz verde aos dous proxectos non produtivos promovidos por asociacións do territorio, que se presentaron ás axudas Leader, convocadas pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) que o GDR xestiona, aprobando polo tanto o 100% das axudas solicitadas polas entidades sen ánimo de lucro.

Unha pequena subvención de 2.000 euros irá destinada á Asociación de mulleres rurais Alecrín de Melide. Alecrín é unha das entidades máis activas de toda a provincia, con máis de 700 mulleres asociadas. Nesta ocasión solicitou a axuda para a adquisición de ordenadores e equipamento que usará para dar clases de dixitalización ás persoas maiores e para organizar cursos de novas tecnoloxías para mulleres e outros colectivos. Para levar a cabo estas actividades, a Cooperativa Clun pon a disposición de Alecrín de forma gratuíta un local de formación en Melide. Desta maneira, este pequeno proxecto reflicte o espíritu Leader de cooperación e traballo en rede entre Alecrín, Clun e o propio GDR, que subvencionará a compra dos equipos.

O Grupo seleccionou tamén unha iniciativa piloto experimental de economía circular e revalorización do lixo orgánico: o proxecto denominado Creación dun punto verde e de xestión local e sostible de materia orgánica. Unha cooperativa sen ánimo de lucro de Vilasantar recollerá os restos orgánicos de grandes produtores destes residuos da zona, sobre todo supermercados e restaurantes, e tamén pequenos produtores, os fogares. Estes restos de comida e podas utilizaranse, unha vez misturados con materia seca vexetal, para facer compost que se utilizará nas explotacións gandeiras próximas.

O alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, presente na reunión como tesoureiro do GDR, destacou o valor ambiental desta proposta, “que lle dá ao lixo un valor, unha segunda vida, limitando a contaminación, a pegada de carbono que deixan estes residuos ao ser transportados e tratados lonxe, e a factura que o Concello debe abonar polo correspondente tratamento dos refugallos segundo a cantidade recollida”. É un proxecto que, por innovador, ten máis incertidume na súa execución, non obstante, na xunta directiva do GDR destacouse que “as axudas Leader deben apostar por proxectos pioneiros coma este, conscientes de que coas iniciativas novidosas, o risco é maior”.

Concédeselle unha subvención a este proxecto de 38.167,79 €. Nos próximos días o GDR espera resolver tamén as axudas destinadas a empresas, e a concellos, que están pendentes de revisión por parte de Agader, o organismo da Consellería que financia o Programa Leader.