O Goberno galego apoia a modernización de dous mil negocios en Galicia co Bono para traballadores por conta propia // En Lalín , en oito meses, a máis de 700 // O terceiro Plan de rescate pode solicitarse ata o 30 de setembro TEXTO Claudina Estévez

Pulso ao virus: axudas para os autónomos e empresas locais

Ayudas
Claudina Estévez
A conselleira María Jesús Lorenzana (3ª esquerda) xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo (2º esquerda), na zapataría. Foto: Xunta de Galicia

O Bono Autónomo da Xunta de Galicia leva traballando medio século para contribuír a dinamizar o sector comercial da comarca. Onte a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitaba en Lalín un dos negocios beneficiarios desta axuda; a Zapataría Martínez. “É unha mostra do valor dos negocios familiares e da resiliencia dos autónomos e autónomas galegas”, subliñou a conselleira.

Lorenzana lembrou que a Xunta conta con numerosos programas para favorecer o emprego na comunidade e son, entre outros, o Bono Autónomo ou as axudas directas dos plans de rescate coas que se está a aportar liquidez aos traballadores por conta propia e pequenas empresas máis afectadas pola COVID. Ao respecto, a responsable de Emprego e Igualdade sinalou que o Goberno galego apoiou en Lalín en oito meses a máis de 700 autónomos e microempresas con axudas “por valor de máis de 1,5 millóns de euros a través dos dous primeiros plans de rescate, deseñados en tempo récord pola Consellería de Emprego e Igualdade”. Lembrou, así mesmo, que as axudas do terceiro Plan, con fondos estatais, aínda se poden pedir, ata o próximo 30 de setembro, despois de que a Administración autonómica ampliara o prazo de solicitude para que as subvencións poidan chegar aos que máis as precisan. Neste senso, volveu a insistir na necesidade de que “o Estado flexibilice os criterios destas axudas para que os fondos cheguen e se poida seguir aportando liquidez ao tecido empresarial galego”, lembrou.

En canto ao Bono Autónomo, trátase dunha iniciativa coa que a Xunta pretende contribuír á consolidación do emprendemento para manter e aumentar as estruturas de emprego estable e de calidade. O plan, que se pode solicitar ata hoxe, contan cun orzamento de 5,5 millóns de euros para garantir a modernización e consolidación de preto de 2.000 negocios na comunidade. Este proxecto favorece, por unha banda, a mellora da competitividade dos establecementos, apoiando a contratación de servizos especializados para a realización de tarefas de investigación de mercado ou plans de márketing; e, doutro lado, está destinado ao financiamento de investimentos dedicados á mellora e modernización dos negocios como son, entre outros, a adquisición de equipamento ou maquinaria ou a elaboración de páxinas web ou logotipos.

Outros apoios cos que a Administración autonómica quere favorecer o emprego autónomo son os destinadas ao inicio de actividade e á contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador. Este programa conta cun orzamento de 12,2 millóns de euros e a subvención pode pedirse ata o vindeiro 30 de setembro. O obxectivo do Goberno galego é beneficiar a tres mil autónomos e noventa empresas.

Sobre esta medida, Lorenzana destacou a aposta polos principios de inclusión e non discriminación dos colectivos máis vulnerables, xa que o importe das axudas duplícase ata os 4.000 euros para os menores de trinta anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, entre outros. Ademais, a contía increméntase nun 25 % para mulleres, emigrantes retornados ou para os maiores de 45 anos.