Queixas da veciñanza pola mala xestión da recollida de residuos

Os residentes de Costoia están fartos de que aparezan cristais, mobles e todo tipo de materiais ó lado do parque infantil // Os vehículos detéñense alí para depositar o lixo imposibilitando a visión e o tráfico en toda a zona do cruce
Gestión de residuos
Pedro Brea
Imaxe dos residuos que denuncian os veciños de Costoia, ao lado dunha das áreas infantís. Foto: ECG

A veciñanza de Costoia está farta de que día tras día aparezan diferentes tipoloxías de residuos que poñen en perigo a integridade de todos os nenos e nenas que frecuentan a zona, xa que os contedores atópanse ao carón dunha área de xogos infantil. Ademais, neste mesmo lugar estase a xerar un risco para a seguridade dos viandantes e dos condutores, xa que os vehículos detéñense na zona para depositar o lixo e non permiten a circulación, impedindo a visibilidade e poñendo en claro perigo ao resto de usuarios da vía.

A problemática non só queda nestes dous aspectos que se acaban de mencionar, porque a maiores dos cativos e da inseguridade viaria que se crea, atópase o problema do autobús, xa que este tipo de transporte non pode circular con normalidade debido ao estacionamento incorrecto destes irrespetuosos cidadáns.

Doutra banda, están os servizos de recollida de residuos municipais, os cales só se limitan a retirar o que se atopa no interior dos contedores e non o que se atopa fóra. Ademais, os obxectos que teñen que ser depositados no punto limpo municipal non son recollidos, creando así un malestar que se prolonga semana tras semana na zona afectada.

Ames conta cunha gran cantidade de casos como este e doutros moito peores, dado que existen moitas zonas, documentadas e recoñecidas polo Concello, que albergan cantidades inxentes de residuos de todas as clases: mobles, televisores, electrodomésticos e un millar máis de cousas que afectan dun xeito directo e maiúsculo ao medioambiente.

Dende a veciñanza solicítanlle ao Concello que interveña no asunto e busque unha solución que mellore as condicións nas que se atopan puntos como Costoia, facéndoos salubres e seguros para a cidadanía.