A Casa Museo celebra este sábado o Día das Letras recuperando o proxecto ‘Daquelas que cantan’, libro CD publicado pola Fundación en 1997 // Intervendrán Chus Pato, Ana Romaní, María Xosé Queizán, Yolanda Castaño e Pilar Pallarés, e contará coa actuación musical de Rodrigo Romaní TEXTO Sol Elvira

Recitando e musicando a Rosalía

Día das Letras Galegas
Sol Elvira

A Casa-Museo Rosalía de Castro celebra este sábado 8 de maio o Día das Letras cun recital poético que recupera o proxecto Daquelas que cantan, un libro-CD que publicou a fundación da poetisa no ano 1997 con ocasión da celebración do 50 aniversario da creación do Patronato Rosalía de Castro.

Segundo lembran desde a fundación, naquel momento once escritoras galegas (entre elas Xela Arias, pero tamén Pura Vázquez, Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg, Xohana Torres, María Xosé Queizán, Helena Villar, Chus Pato, Pilar Pallarés, Ana Romaní e Yolanda Castaño) crearon poemas dedicados a Rosalía acompañados pola música de Rodrigo Romaní, baixo a dirección e coordinación de Ana Blanco, durante a presidencia de Agustín Sixto Seco.

Explican que o proxecto contou co deseño de Fausto Isorna e as fotografías de María Esteirán. O resultado foi un libro CD que recolle todos os recitados e once temas musicais de Rodrigo Romaní.

Vinte e catro anos despois, cinco desas poetas regresan canda Rodrigo Romaní novamente baixo a dirección de Ana Blanco, para lembrar a Xela Arias e tamén a Rosalía nun recital poético e musical no que terán protagonismo as imaxes que realizou a fotógrafa María Esteirán, quen doará o seu arquivo do proxecto Daquelas que Cantan á fundación. Elas son: Chus Pato, Ana Romaní, María Xosé Queizán, Yolanda Castaño e Pilar Pallarés.

Desde a fundación o seu presidente, Anxo Angueira, di que a actividade faise no 50 aniversario do organismo “e por elo quixemos recuperar este proxecto do 97, cando se cumpren 50 anos do padroado, do xérmolo da casa”. O recital musicado vaise emitir por streaming ao público a través da canle de Youtube da Fundación Rosalía de Castro.

As normas de seguridade que impón a pandemia reduce a 30 as prazas para asistir ó recital e concerto e todas elas xa están cubertas, indican os reponsables.