Renovación integral dos pantaláns nos peiraos de Testal e O Freixo

Portos está a investir un total de 750.000 € nestas actuacións de mellora // As do porto noiés están rematadas e benefician a máis de 260 embarcacións
Portos
Marta Torres
Portos de Galicia vén de rematar as obras no porto noiés e está a executar a reforma integral do peirao de Serra de Outes. Foto: Xunta de Galicia

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir 750.000 € nas actuacións de mellora integral dos pantaláns de Testal, no municipio de Noia, e O Freixo, no de Outes. Ambas intervencións forman parte dunha liña de traballo estratéxica do ente público para a renovación das infraestruturas aboiantes e de atracada co obxecto de mellorar as condicións de traballo e a operatividade da frota.

No caso das obras do Testal, iniciadas en maio do ano pasado, os traballos atópanse xa rematados. A Xunta de Galicia investiu nesta actuación, destinada integramente ao sector profesional, 350.000 euros. As obras beneficiarán ás máis de 260 embarcacións pesqueiras que utilizan estas instalacións.

Os traballos consistiron na renovación integral do pavimento dos pantaláns, substituíndo o anterior por madeira tecnolóxica, así como a habilitación dos servizos básicos de alumeado e subministración de auga e o repintado dos pilotes. Ademais, melloráronse as condicións de seguridade das instalacións mediante a posta en funcionamento dun sistema de control de acceso aos pantaláns a través do teléfono móbil.

Polo que respecta ás obras de mellora integral das instalacións flotantes do peirao do Freixo, que se atopan en execución, consisten na renovación integral dos pantaláns que dan servizo a máis de 350 embarcacións. Neles procederase á renovación dos pavimentos con madeira tecnolóxica. Ademais, mellorarase a rede de subministración de auga e electricidade, dotaranse de alumeado e instalarase un sistema de apertura de portas dos pantaláns a través do teléfono móbil.

Os traballos completaranse coa colocación de escadas abatibles para o acceso aos pantaláns desde o mar, o balizamento dos extremos e o saneado de pilotes e limpeza de flotadores. Finalmente, Portos de Galicia instalará un elemento de separación para impedir o paso de vehículos á pasarela de madeira.