A conectividade entre os núcleos de poboación, a carencia de zonas verdes e a baixa dinamización da economía local están entre os principais desafíos // O Concello amiense prevé investir 13 millóns de euros no plan Impulsa TEXTO Javier Salutregui

Retos e problemas de futuro dun concello no século XXI

Modernización
Javier Salutregui
Obras de acondicionamento do novo parque central do Milladoiro, parte do plan Impulsa Ames. Foto: CA

O plan Impulsa Ames é un proxecto que foi presentado a grupos políticos, veciños e outros colectivos no ano 2016. É parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (Edusi) e recibiu máis de 5 millóns de euros en cinco fases para executalo. No proxecto, ademais das medidas a levar a cabo, faise unha análise en profundidade da situación da área urbana, dos problemas e dos retos que plantexa o importante crecemento do municipio.

O primeiro problema que identifica a Edusi de Ames é a fenda social existente no municipio, tanto entre os dous principais núcleos de poboación como entre estos e os núcleos menos densos. Segundo se especifica, a diversidade do municipio a nivel macro pérdese a nivel micro, pois o prezo da vivenda fomentou a segregación da poboación en base á súa renta. Milladoiro é o núcleo urbano que concentra poboación de rendas máis baixas, entre eles inmigrantes e xitanos, mentres que nos núcleos de menor densidade encóntrase boa parte da poboación de idade máis avanzada.

A este problema súmase a falta de transporte público no eixo Bertamiráns-Milladoiro, a escaseza de zonas verdes ou a perda de identidade de Ames, que pasou a ser practicamente unha cidade dormitorio. No caso de Bertamiráns, presenta unha conectividade insuficiente con Santiago de Compostela, o que deriva nun uso excesivo dos vehículos particulares, maior contaminación e ruído.

Co plan Impulsa Ames o obxectivo é mellorar a cohesión social aproveitando o inmenso potencial das novas tecnoloxías para diminuír os desequilibrios entre o medio rural e o urbano á hora de acceder aos servizos municipais, así como nos diferentes tramos de idade. Ademais, quérese apostar pola concentración dos servizos, as actividades económicas e o ocio nos núcleos densos de Bertamiráns e Milladoiro, o que reducirá a pegada enerxética.

Respecto á dimensión ambiental, o principal problema que enfronta Ames é dobre: por un lado, a escaseza de zonas verdes no municipio, e por outo as deficiencias na xestión dos recursos naturais e culturais.

Ambos retos son consecuencia directa do rápido crecemento urbano non planificado, o que xerou unha importante presión sobre os espazos naturais. Aínda así, Ames conta con zonas de interese cultural, ambiental e paisaxístico, como dous tramos do Camiño de Santiago. Outro dos problemas do municipio son as inundacións do cauce do río Sar ao seu paso por Bertamiráns, que afectan á área da Gándara.

Para afrontar estes retos, preténdese aproveitar a malla de camiños de orixe rural para apoiar o desenvolvemento dunha rede peonil coa que mellorar a conectividade e incrementar a superficie de zonas verdes. A estratexia tamén aposta por mecanismos que permitan prever as inundacións e implantar un sistema de saneamento integral do citado término municipal.

Outra das principais problemáticas é a insuficiente dinamización da economía endóxena. A economía amesá está fortemente terciarizada e é o sector servizos, especialmente o comercio e a hostalería, o que máis postos de traballo xera no concello. Aínda que Ames conta co parque empresarial Novo Milladoiro e existe unha importante cantidade de persoas emprendedoras, o tecido empresarial é moi reducido e a mortalidade empresarial moi elevada, sendo Santiago de Compostela a principal fonte de emprego.

Con todo, dende o punto de vista loxístico Ames conta cunha posición estratéxica. A existencia de abundante solo industrial, o continuo crecemento do mercado laboral e a ausencia dunha gran área comercial no sur da área urbana de Santiago poden favorecer o dinamismo económico e laboral, influíndo tamén na mellora da cohesión social.

Por último, encóntrase o problema demográfico. Boa parte da poboación é xoven, potencialmente volátil e concéntrase nos núcleos máis densos, o que pode derivar no illamento e exclusión da poboación maior, que reside en núcleos rurais e afastados dos servizos e equipamentos do municipio. Nas últimas décadas Ames sufriu un importante crecemento demográfico, pasando de 9.864 habitantes en 1991 a 32.337 en 2021, un crecemento superior ao 300 %, producto do importante continxente de poboación que chegou doutros municipios do entorno, do resto de Galicia ou mesmo do estranxeiro. Este feito implica que parte da poboación carece da identidade e o arraigo que proporcionan ter raíces na localidade, o que favorece a volatilidade.

Un dos retos máis importantes que persegue a estratexia Impulsa Ames é, precisamente, a posta en marcha de medidas que contribúan a xerar identidade e arraigo na poboación máis xoven, como mellorar a imaxe, a calidade urbana ou a conectividade entre núcleos. Deste xeito espérase conseguir que as persoas máis xovenes non marchen por motivos laborais e desenvolvan a súa vida no municipio amesán.

Os plans. Para solventar os problemas e retos identificados na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado plantexáronse un total de 13 programas que abarcan as cinco dimensións analizadas, como o programa de homoxenización da dotación de servizos públicos e o de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público; un plan de aplicación das NTIC á xestión eficiente dos recursos, prevención de riscos e creación dun centro multifuncional de ocio, cultura e promoción económica.

Os programas aos que máis diñeiro se destinará son o de mellora da dotación e modernización de equipamentos sociais e deportivos e o destinado á revitalización e valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio, ambos cun orzamento superior aos 2 millóns de euros; o programa Ames Emprega e Integra, ao que se destinarán 1.467.344,58 euros; e o programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos, con 1.350.000 euros de orzamento. En total, destinaránse ao plan Impulsa Ames 13.755.396,58 euros, aínda que boa parte do orzamento será cuberto cos fondos europeos detinados ao desenvolvemento rexional.