A Xunta publicou este martes no DOG a aprobación da declaración // A execución deste vial suporá un investimento autonómico superior aos 9 millóns de euros // Prevén licitar o vindeiro ano as obras correspondentes á primeira fase TEXTO M. Cano

Ribeira, máis preto da variante tras obter o visto bo ambiental

Infraestruturas
María Cano
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o alcalde de Ribeira nunha reunión que mantiveron sobre a variante recentemente. Foto: Xunta

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da declaración de impacto ambiental da variante de Ribeira, cuxa execución suporá un investimento autonómico superior aos 9 millóns de euros.

Dende o Goberno autonómico lembraron que o pasado ano a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade someteu a información pública, tamén a efectos expropiatorios, o proxecto de trazado, coa previsión de executar a variante en dúas fases: unha primeira, que conectará a glorieta do final da autovía do Barbanza coa avenida da Constitución; e unha segunda, que irá desde esta avenida ata a estrada da costa (DP-7307), facilitando así, tamén, un novo acceso ao porto da localidade.

A previsión do departamento de Infraestruturas é licitar en 2022 as obras da primeira fase da Variante de Ribeira, para a que se reserva unha partida de 1 millón de euros nos Orzamentos da Xunta de 2022.

Neste momento, a área que dirixe Ethel Vázquez está a analizar as achegas recibidas ao proxecto, tras cumprirse o proceso de información pública, co obxectivo de que a finais de ano se lles poida dar resposta, incorporando ao proxecto aquelas que sexan tecnicamente viables.

Entre elas, segundo indicaron dende a Xunta de Galicia, teranse en conta as propostas realizadas polo Concello ribeirense, para a execución dun viaduto, en lugar de muros, no núcleo de Cruxeiras (entre os puntos quilométricos 0+580 e 0+660), ademais da proposta de iluminar as glorietas previstas.

A variante de Ribeira é unha vía de novo trazado de 3,1 quilómetros de lonxitude que mellorará as comunicacións de todo o concello e reducirá nun cincuenta por cento o tempo de percorrido, ao circunvalar o núcleo de Santa Uxía, liberando de tráficos o centro e facilitando o acceso á zona sur.

Suporá unha nova entrada por estrada ao núcleo de Ribeira, alternativa á actual, que desde o norte parte desde a rotonda da autovía, continuando ata a avenida da Constitución e finalizando na praia de Touro.

A primeira fase, que discorre bordeando o núcleo urbano, desde o final da autovía ata a avenida da Constitución, concentra a maior parte do investimento, arredor de 6 M€. A segunda fase correspóndese co treito máis urbano e discorrerá ata a praia de Touro.

A primeira fase, que discorre bordeando o núcleo urbano, desde o final da autovía ata a avenida da Constitución, concentra a maior parte do investimento, arredor de seis millóns de euros, afectando ao setenta por cento do trazado, ao abarcar 2,1 quilómetros. A segunda fase correspóndese co treito máis urbano, de 940 metros, e discorrerá ata a praia de Touro.

A futura vía iniciarase na rotonda da autovía, en Xarás, seguirá á altura da rúa dos Remedios, Cruxeiras, rúa Mariño de Rivera, Cubeliños e Travesía de Fafián, para desembocar na rúa Perú.

Asemade, a actuación implicará a construción dun viaduto de dezasete metros de lonxitude sobre o río Mámoa, cinco glorietas e dous pasos inferiores. O primeiro treito, de 1.300 metros, será valado e sen accesos. Ás expropiacións destínanse 2,6 millóns de euros.