O GALP reunirase cos hostaleiros de Fisterra, Malpica e O Son para presentarlles o proxecto // Buscan impulsar o desenvolvemento económico dos seus territorios apostando polo turismo experiencial e polo buceo recreativo TEXTO Marta Torres

Rimartes saca á luz os tesouros do profundo a través do mergullo

Turismo
Marta Torres
Galicia é un dos puntos de maior concentración de xacementos subacuáticos do Atlántico europeo. Foto: R.

O proxecto de turismo experiencial Rimartes. Riquezas do mar, tesouros do profundo continúa a súa andaina. Tras unha primeira fase centrada na documentación e catalogación de case medio cento de pecios de gran valor histórico entre Bergondo e Porto do Son ou na promoción na feira internacional Fitur da man de Turgalicia, neste 2022 continúase coa fase de edición de material divulgativo, como son as rutas emocionais, o folleto e os carteis do proxecto, a comunicación a través de redes sociais e dunha web propia ou a organización do I Campionato de foto submarina en pecios, entre outras accións estratéxicas que prevén anunciar proximamente.

Neste sentido, para os vindeiros días están programadas catro reunións co sector hostaleiro do territorio de actuación para presentarlle esta iniciativa e establecer posibles sinerxias co proxecto en si e, en concreto, cos seis centros de mergullo colaboradores de Rimartes, como Buceo Malpica, Buceo Fisterra e Mergullo Compostela (con base en Porto do Son), así como Buceo Galicia, Deepteam Coruña e Nauga (todos con sede na Coruña).

Polo que respecta aos concellos de Área, o mércores 27 ás 11.00 horas terá lugar un encontro en Fisterra (no salón de plenos do Concello) e, ás 17.00 horas en Porto do Son (no Centro de Interpretación do Castro de Baroña). Xa o xoves 28 de abril, ás 11.00 horas, a última xornada sectorial será no Centro Cívico de Malpica. Os interesados en asistir poden inscribirse enviando un correo electrónico a info@rimartes.com ou ben chamando ao 636 111 893.

Galicia é un dos puntos de maior concentración de xacementos arqueolóxicos subacuáticos do Atlántico europeo. Pecios de diferentes épocas atópanse ao alcance de mergulladores de todos os niveis que buscan novas experiencias e coñecemento. Naos da Armada do Océano ao mando de Martín de Padilla, mercantes ou barcos de pasaxe, acorazados, vapores, submarinos e avións de combate da II Guerra Mundial e pesqueiros afundíronse fronte ás nosas costas e teñen unha gran historia para ser contada e recordada. Os pecios de moitos deles tamén se poden visitar.

O valor diferencial da costa galega é un signo que nos identifica. Os nosos faros, portos, especies pesqueiras, gastronomía, paisaxe, costumes e tradición mariñeira... Pero, sen dúbida, os naufraxios conectáronnos con diferentes culturas, países e épocas da historia.

Coñecedores deste potencial, desde os GALP Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur puxeron en marcha o proxecto colaborativo Rimartes. Riquezas do mar, tesouros do profundo para contribuír ao desenvolvemento económico dos seus territorios apostando por un sector con gran perspectiva, como é o do turismo experiencial e o buceo recreativo, para todos os niveis, desde o snorkel ata o de máis dificultade, en profundidades que chegan ata os corenta metros.

Entre os tres GALP abarcan ao redor de trescentos quilómetros de costa e vinte e cinco concellos costeiros, entre eles A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e O Son.