apostando pola vía online para facilitar a vida veciñal

Estrean unha páxina web que potencia os trámites en liña e na que se ofrece todo tipo de información de interese turístico
Páxina web
Claudina Estévez
Imaxe das Festas do Santo Isidro que recolle a nova web, as máis famosas do municipio. Foto: Concello de Rois

Nos tempos que corren as tecnoloxías xogan unha parte fundamental no día a día dos cidadáns. A comodidade e rapidez que permite internet, algo que aínda aprendimos a apreciar máis durante a pandemia, fai que os Concellos invistan en mellorar a súa presenza na red de redes. Precisamente, Rois estrea nestes días páxina web institucional co principal obxectivo de potenciar os trámites en liña e facilitarlle á veciñanza a realización de xestións sen necesidade de desprazarse.

Ademais de información práctica sobre o funcionamento do Concello e os servizos que ofrece, a promoción turística do municipio ten tamén un peso importante no novo portal, no que destacan os contidos audiovisuais.

Unha das principais novidades que atoparemos en www.rois.gal son os formularos de trámites en liña. Deste modo, dende o goberno local buscan evitarlles desprazamentos innecesarios á veciñanza. Así, as familias que desexen participar o vindeiro curso no programa Concilia Rois, que botou a andar o venres pasado, xa poden inscribir aos seus fillos dende a nova web. O mesmo pode facerse coa inscrición ás actividades culturais e deportivas dirixidas aos escolares da vila.

Por suposto, no novo portal tamén hai oco para a promoción do territorio. A través da sección Coñece Rois trátase de pór en valor, con moito contido audiovisual, o rico e variado patrimonio cultural e natural do concello, así como as súas tradicións. Dende o apartado de patrimonio cultural ofrecéselles aos visitan tes a posibilidade de viaxar no tempo a través de lendas, costumes e construcións de antano, que abarcan dende castros ata aldeas tradicionais, ademais de maxestuosos pazos, que permiten facer un percorrido pola historia de Galicia.

O desfrute da natureza é un dos praceres que ofrecerá unha viaxe ao municipio. É por iso que dende a sección patrimonio natural se lle mostran ao visitante as terras que cómpre percorrer con tranquilidade para desfrutar dos regatos, as fontes ou os camiños que poboan a vila. Imaxes aéreas, o nome das aldeas e a localización no mapa de cada unha das parroquias, todas as festas e tradicións, son outros dos apartados que completan a páxina. Tamén se inclúen referencias aos Camiños de Santiago.