O PP organizou este luns unha ofrenda floral na estatua dedicada á poetisa no Espolón padronés // O BNG, con Ana Pontón á fronte, reivindicou en Ames a figura da autora // Nos discursos ensalzaron a riqueza da nosa cultura TEXTO M. Boo

Rosalía une a todos á hora de sentir orgullo pola lingua galega

Día de Rosalía
M. Boo
Ana Pontón rodeada de mulleres referentes na creación cultural diante da Casa de Barbazán en Ames

Rosalía de Castro escribiu para todos e agradou a todos. A súa figura non ten discusión, e é quen de protagonizar homenaxes desde ideoloxías ben diferentes. Mesmo este luns os integrantes do grupo parlamentario do PP galego participan nunha ofrenda floral diante da escultura adicada á poetisa no seu benquerido Padrón, ó tempo que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, rodeada de mulleres referentes en distintos ámbitos da creación cultural, reivindicaba a figura da escritora nun acto celebrado en Ames.

O número dous do PPdeG, Miguel Tellado, puxo en valor o legado de Rosalía de Castro, que é unha fonte de inspiración en toda España e un motivo de fondo orgullo para Galicia, engadindo tamén que a súa traxectoria é símbolo do mellor da nosa cultura, un punto de encontro e un referente de que as linguas son ferramentas para unir aos pobos, nunca para dividilos. Así se expresaba na ofrenda floral que o partido celebrou en Padrón en homenaxe á gran poetisa galega, conmemorando que esta semana se cumpren 185 anos do seu nacemento. Acompañado polo portavoz parlamentario, Pedro Puy, polos membros da Comisión de Cultura do PPdeG e polo resto de integrantes do Grupo Parlamentario Popular no Parlamento, insistiu en que reivindicar a Rosalía é a mellor forma de homenaxear a cultura galega e española “rica e integradora”.

Despois de salientar que os galegos construímos sempre sumando e unindo, lamentou que na última década cobrasen forza en toda España nacionalismos excluíntes, forzas que definen a súa identidade en contraposición ás demais, que para facer valer o propio necesitan atacar o alleo, que levantan muros e que impoñen linguas e pensamentos únicos cunha visión limitada.

Pola súa banda, a portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou a Rosalía de Castro como a “figura poderosa, vangardista e feminista” que representa a potencia creadora que ten Galiza e que “nos singulariza e nos empodera, non só como país, senón tamén como mulleres”. Para Pontón, “Rosalía deixounos unha herdanza inmensa, uns valores que continúan vixentes e unha carta de navegación coa que conducir o noso futuro, un futuro que ten que ser libre, igualitario, inclusivo e en galego”.

Así o asegurou no acto que o BNG celebrou en Ames polo Día de Rosalía con mulleres referentes na creación cultural, como Iria Ribadomar, Viki Ribadulla, Patricia González, Paula Pereira, Melania Cruz ou Arancha Nogueira, así como a portavoz parlamentaria de Cultura e escritora, Mercedes Queixas.

A líder nacionalista apostou por poñer no centro da acción política a creación das mulleres e tamén a lingua galega, nunha data na que tamén se celebra o día das linguas propias. Neste sentido, propuxo a creación do Instituto Rosalía de Castro como ferramenta de internacionalización “da nosa lingua, a nosa cultura e para apoiar a creación das mulleres” que, segundo subliñou, “é moita e moi importante”. “Se non o fai quen goberna agora, farémolo noutro momento, porque estou certa que teremos un goberno que pense en rosalián e que saiba acompañar e promover unha cultura rica”, recalcou, para reivindicar a Rosalía de Castro como a “figura poderosa, vangardista e feminista” que representa a potencia creadora que ten Galicia e que “nos singulariza e nos empodera, non só como país, senón tamén como mulleres”.