Este sábado desenvolvéronse catro competicións // Sumáronse outras propostas, como bautismos hípicos, un espectáculo ecuestre e unha conferencia // A cita ten lugar no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda TEXTO C. Estévez

Segue Equina con doma clásica e un concurso morfofuncional

Equina
C. Estévez
Un dos participantes de Doma Clásica Equina 2022. Foto: G.A.

O evento Equina Galicia 2022, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (Accega) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, continuaba este sábado no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, e facíao cunha xornada repleta de actividades.

Así, desenvolvéronse tres competicións de doma clásica nas que participaron preto de 70 binomios procedentes da maioría de clubs hípicos de Galicia e tamén doutras comunidades. Destacou o IV Trofeo de Doma Clásica Xunta de Galicia-Medio Rural, que conta con récord de inscritos ao alcanzar os 50 participantes de distintos puntos de España.

Esta proba, na que poden participar todas as razas de cabalos de deporte europeos e inclúe dende categoría infantil ata olímpica, conta co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e ten como obxectivo fomentar a creación de pequenas explotacións de cría de cabalos selectos para o deporte que xeren actividade no medio rural e supoñan un complemento económico.

Súmanse ademais o Territorial, clasificatorio para o Campionato Galego de Doma, e a XXIV Copa Accega, que resulta de gran interese para os criadores que queren ver e probar en alta competición os seus exemplares máis novos para a súa selección futura como cabalos de Pura Raza Española deportivos.

En canto ao VIII Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, concurso que é o eixo central do evento e valora tanto a morfoloxía dos exemplares como os seus movementos, este sábado celebraba a quenda da categoría de eguas de 4 anos en morfoloxía e tamén as probas de funcionalidade tanto das eguas de 5 e 6 anos como dos sementais de 5, 6 e 7 anos ou máis. Pola tarde competiron as poldras de 3 anos e as eguas de 5 e 6 anos en morfoloxía. Xa este domingo sairán á pista as eguas de 7 ou máis anos e as cobras de tres eguas, ademais de entregarse os premios do mencionado certame.

Nesta cita, que conseguiu para esta edición a categoría tres estrelas, a máxima a nivel nacional que outorga a Real Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (Ancce), participan durante os tres días corenta e cinco destacadas ganderías nacionais procedentes de doce comunidades autónomas e máis de oitenta exemplares de Pura Raza Española.

A estas catro competicións sumáronse este sábado outras propostas de gran interese. Co obxectivo de fomentar a cultura e formación gandeira tanto para veteranos como para emprendedores, este sábado levouse a cabo unha conferencia dirixida aos gandeiros sobre novidades do programa de cría do PRE e as vantaxes da xenómica, impartida por Ana Encina Martínez, do departamento de Programa de Mellora Xenética do PRE da Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (Ancce).

Así mesmo, os máis novos contaron durante a mañá con bautismo hípico, o que lles permitiu vivir a súa primeira experiencia a cabalo ou poni grazas á colaboración de distintos clubs hípicos de Galicia, mentres que ás 20.00 horas os asistentes desfrutaron dun carrusel ecuestre a cargo de Hípica Amazonas, no que doce binomios realizaron coreografías de doma e danza a cabalo.

O evento non rematou, senón que continúa este domingo, e faino co Trofeo Equina de Enganches, organizado polo Club de Enganches de Galicia e Accega co obxectivo de que esta disciplina siga medrando.