rexenera fest 2021. Artistas de Arxentina, Sevilla, Madrid, Zaragoza, Cataluña e Galicia encherán de cor do 3 ao 13 de xuño media ducia de muros // Haberá xogos de pistas, visitas guiadas e unha xincana para adultos con premios TEXTO J. M. Ramos

Seis novas obras de arte para as rúas da capital de Bergantiños

Arte urbano
Jose Manuel Ramos
Outra das obras artísticas que poden verse nas rúas de Carballo, coa firma de Sabek Foto: Rexenera Fest

Volve o Rexenera Fest, o festival internacional de arte pública de Carballo, que do 3 ao 13 de xuño aumentará o rico patrimonio muralístico do casco urbano da capital de Bergantiños con seis novas obras de gran formato.

Nesta sétima edición contará coa participación do arxentino Franco Fasoli, un dos artistas pioneiros e máis recoñecidos da arte urbana arxentina e unha figura histórica esencial no panorama latinoamericano e europeo. Nas súas obra fala das vívidas contradiccións das sociedades actuais e da constante loita entre dominantes e dominados, a miúdo a través de exercicios simbólicos e de orgánicas composicións repletas de dinamismo.

Tamén virá a Carballo a sevillana Ana Langeheldt, coñecida como Lahe178 no ámbito do graffiti, eido onde comezou a súa carreira e onde se labrou un importante nome a finais dos anos 90 e comezos do 2000. O seu expresivo e versátil estilo atopa a inspiración entre o folclore e a modernidade e profundiza en temáticas sobre cuestións vitalistas a través de composicións oníricas e vibrantes, en ocasións salpicadas dun certeiro e intencionado barroquismo formal.

A representación galega vén a cargo do ordense Møu, fundador xunto a Sokram do estudio Mutante Creativo; muralista, deseñador e co-director de festivais de arte urbana como DesOrdes Creativas, Compostela Contemporánea, Cromático ou o mesmo Rexenera, ademáis da súa faceta musical como Mc e productor musical do popular grupo de rap galego Dios ke te Crew. As súas obras reflexionan sobre a fraxilidade do equilibrio no crecemento colectivo e individual, entre a presunta tradición e o suposto progreso. No seu estilo predomina unha paleta de cor reducida e desaturada, coa que xera volume a través de formas planas e co uso dunha liña persistente, certeira e limpa.

A zaragozana Harsa é outra das artistas máis activas da escea estatal, movéndose con comodidade entre distintos eidos como o editorial, o publicitario, o galerístico ou o circuito de festivais de arte urbana. A súa obra está vencellada directamente coa ilustración contemporánea, con claras referencias á cultura popular do entorno no que intervén a nivel temático e á ilustración dos anos 50 e 60 no plano estilístico, caracterizándose por unha riqueza cromática e unha sofisticada síntese a través de formas planas.

O artista catalán Iván Floro, coñecido como Van Vúu, é un dos representantes dunha nova e destacada xeración de muralistas contemporáneos. Desenvolve un estilo cercano ao impresionismo, e as temáticas tratadas nas súas obras, versátiles e frescas, derivan desa pertenza á xeración dos 90; seriedade, ironía, certo frikismo xeracional e nostálxica rebeldía mestúranse para plasmar lembranzas da infancia ou imaxes do presente tintadas de referencias á contracultura actual.

A madrileña Marta Lapeña é outra das artistas que vén pisando moi forte nos úlitmos anos. A súa carreira móvese entre galerías, feiras de arte e festivais de arte urbana e a súa obra caracterízase por unha pincelada solta e expresiva, coa que trata temáticas moi ligadas ao territorio no que intervén e nas que o compoñente social e cultural son cruciais nas súas narrativas.

Ademáis das intervencións artísticas, o festival contará con actividades paralelas coas que o público poderá participar e desfrutar activamente do festival: visitas guiadas polas obras, xogos de pistas para familias, unha xincana para adultos con premios con obra gráfica dalgúns dos artistas e entrevistas cos propios artistas participantes mediante directos en Instagram.