MARISQUEO. Repoboaron o banco da Paxariña co apoio da Consellería do Mar // Agardan poder colleitalas para comercializar nun prazo de dous anos // A fina xa se cotiza na lonxa local por enriba dos trinta e seis euros o quilo TEXTO J. M. Ramos

Sementan na ría de Camariñas un millón de ameixas xapónicas

Marisqueo
Jose Manuel Ramos
Mariscadoras da agrupación de Camariñas sementando un millón de ameixas da variedade xapónica no banco da Paxariña. Foto: Confraría Camariñas

Sementar para poder recoller. Iso é o que fixeron esta semana os profesionais do marisqueo da agrupación de Camariñas, que repoboaron os seus bancos de A Paxariña cun millón de exemplares de ameixa xapónica. Unha semente que puideron mercar grazas a unha axuda recibida da Consellería do Mar.

“Esta é a variedade que máis nos falla nos nosos bancos”, afirma o patrón maior, José Ramón Lema, quen agarda que “se a cousa vai ben nun prazo de dous anos poidamos ter un moi bo produto e tamén moita cantidade, aínda que todo dependerá de que as condicións climatolóxicas sexan axeitadas”, engadiu.

A talla da semente “era bastante boa e o traballo xa está feito, polo que agora só nos queda esperar”, incidiu. Lema Romero agradece que “a Consellería do Mar teña sempre presente aos mariscadores de Camariñas e que nos axuden en todos os trámites e solicitudes que formulamos dende a confraría”. Ademais, resalta o bo traballo e axuda prestada pola bióloga de zona.

A falta de ameixa xapónica estase a ver compensada pola abundancia e a boa cotización da variedade fina, que na poxa celebrada este mércores na lonxa de Camariñas acadou un prezo de 36,50 euros o quilo, e nas últimas semanas non baixou de 33 €/kg. Unha valorización que “está bastante ben para estas alturas do ano”, sinala o patrón maior, quen agarda que conforme se vaian achegando as datas de Nadal se incremente tamén o prezo que se paga por este prezado bivalvo. “As ameixas da nosa ría son moi aprezadas non só pola súa calidade, senón tamén porque consérvanse moi ben e aguanta máis tempo cas doutras zonas marisqueiras”, engadiu José Ramón Lema.

No que vai de ano, os mariscadores e mariscadoras de Camariñas colleitaron máis de 3.800 quilos de ameixa fina, que xeraron na rula local uns ingresos de máis de 111.000 euros, segundo os datos de Pesca de Galicia. É actualmente o principal recurso para o sector e o que lles permite saír a faenar todas as mareas, agás cando aparecen as toxinas. “Tentamos de ir alternando os distintos bancos que temos para evitar unha sobreexplotación e facilitar a recuperación dos mesmos”, conclúe o patrón maior.

A idea dos profesionais do marisqueo é seguir faenando, sempre que o tempo e as circunstancias o permitan, ata completar a campaña de Nadal, que agardan sexa mellor que a do pasado ano.

VENDAS ONLINE. Despois das obras de mellora que se estiveron acometendo nos últimos meses na lonxa e nos locais da confraría de Camariñas, xa volven a ter operativa a venda online que permite participar nas poxas a compradores de toda Galicia.

Dende o pósito invitan “a todos aqueles compradores interesados na adquisición dos produtos que pasan polas nosas instalacións a que se unan á nosa confraría”. Un dos requisitos para poder formar parte como comprador é o depósito dun aval “para así poder ter, dende as nosas dependencias, unha seguridade económica por posibles impagos”. Aclaran ademais que “non se prohibe a ninguén que cumpla cos requisitos esixidos a compra dos produtos que pasan pola nosa lonxa”.