O Goberno está a traballar na actualización da lei que pon en valor os alimentos con figuras de protección // A Estrada é considerada a capital galega da sidra // Ten máis de cen hectáreas para a produción da mazá en ecolóxico TEXTO C. Estévez

Sen demora no obxectivo de protexer os selos de calidade

Agacal
Claudina Estévez
Pola esquerda, José Luis Cabarcos, director de Agacal; José López, alcalde da Estrada; e José Balseiros, director xeral de Gandaría. Foto: Xunta

A Estrada acollía este martes a presentación dun informe sobre os custos de produción da mazá en ecolóxico, elaborado por unha empresa auditora. Un evento no que participaba o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Alí, o director salientou que o Goberno galego está traballando xa na actualización da Lei da Calidade Alimentaria, que data do ano 2005, para reforzar a posta en valor dos produtos con figuras de protección, é dicir, dos que están inscritos a algún selo de calidade.

Trátase dunha lei que o Goberno galego ten a intención de aprobar no vindeiro ano, segundo comunicaban hai uns meses, e que implicará extremar os controis sobre as entidades privadas de certificación alimentaria para evitar deste xeito o fraude á hora de avalar a calidade dos produtos agroalimentarios producidos e comercializados en Galicia. A finalidade é que os produtos da Comunidade acaden unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para os cidadáns.

Neste senso, Cabarcos matizou que a nova norma rexerá a calidade diferenciada en Galicia, coa fin de mellorar, integrar e desenvolver a súa regulación para dar un maior apoio e protección ás denominacións de orixe, ás indicacións xeográficas protexidas e a todas as demais figuras de protección.

Deste xeito, remarcou o compromiso da Xunta polos selos diferenciados, xa que ademais de protexer os produtos no mercado, tamén lles garante unha seguridade aos propios consumidores, e esa protección debe tamén recaer no propio produtor. Precisamente, no tocante ao mencionado informe, o director da Agacal alabou o traballo realizado para identificar, analizar e cuantificar os custos da produción da mazá en agricultura ecolóxica.

O director indicou que precisamente na Manifestación de Interese de proxectos autonómicos do sector primario e agroalimentario galegos, e doutros interesados neste eido, foron varios os proxectos presentados cuxa atención se centraba na produción de mazá en ecolóxico. “Falamos dun sector exponencial que vén experimentando un forte crecemento desde principios do século XIX, cun impulso que a día de hoxe continúa vixente na Estrada”, suliñou ó respecto o director.

Así, a día de hoxe son máis de cen as hectáreas de superficie dedicada á produción de mazá en ecolóxico neste municipio pontevedrés, que converteu unha das súas tradicións nunha actividade económica moi potente, cuxa relevancia leva a considerar ao concello da Estrada como a capital galega da sidra.

RECUPERACIÓN. A través dos instrumentos que impulsa a nova Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia vaise conseguir beneficiar considerablemente ao sector agrario galego dando cobertura a unha das demandas máis reiteradas: a de máis base territorial apta para desenvolver a súa actividade. Para iso, o director explicou que “é preciso mobilizar a terra baixo as premisas de recuperación e de prevención e, deste xeito, lograr a posta en valor de terreos que agora están abandonados ou infrautilizados”.